Talabarte

Abril 01, 2017

En tempos de incertidume e reinvención no mercado da música, hai artistas (e discográficas) que redobran esforzos, agarimo e imaxinación na presentación dos seus traballos. O segundo álbum do super-trío acústico Talabarte resulta un pracer total no visual e no musical, algo que xa o agardabamos tras o percorrido que tivo o seu debut. Esta ducia de composicións vén acompañada dun libro ilustrado de novo por Pedro Giráldez “O Pastor” e con textos de Carlos Meixide. Talento e imaxinación a eito presentados nun formato que cómpre mercar si ou si. Macerar isto levou tempo, pero a espera quedou xustificada. É a liberdade que ofrece vivir á marxe das reglas do mercado.

Aínda que seguen a ser partícipes doutros proxectos, nesta década foron desaparecendo bandas nas que militaban coma Berrogüetto e Marful que, loxicamente, requerían atención. Ademais, a aposta por Talabarte reafirmouse na vida longa do seu debut e os recoñecementos recibidos deste pola crítica ou en concertos diante de ducias (que fermosa a xira “Ao son da cociña” !) ou de centos de persoas.

Resulta un reto describir o mundo que crean o contrabaixista Kin García, o violinista Quim Farinha e o acordeonista Pedro Pascual, pero bendito reto. Esta viaxe no Tradincerto (véxase o avión da capa do libro e léase o limiar do Quim) reafirma os alicerces do seu debut: o virtuosismo unido á imaxinación, á falla de prexuízos e á improvisación jazzística. Amosan o coñecemento de ritmos tradicionais como a milonga ou a polka, do folque galego, o Mediterráneo (fermosas colabracións do gran frautista Jorge Pardo en “A Sentoleira” e “Sísamo Road”), a Europa do leste … en temas propios e 5 versións de tradicionais. As outras colaboracións punctuais van a cargo de Pierrot Rougier coa frauta e Ugia Pedreira a pandeireta en “Kuun Laulu”, o comezo estupendo do álbum, e Olga Brañas pon tamén pandeireta en “A sentoleira”, outro dos “ghits” potenciais de “Fake”. Se se me permite falar nestes termos dun disco para ESCOITAR -si, con maiúsculas- e deixarse levar.

Recomendo achegarse a este “Fake” sen présas. Contén moita información musical, matices abondos e arranxos precisos. Porén, fágano tamén sen medo, pois é unha proposta de calidade sen o pecado do elitismo. Desta música gozan ouvidos entendidos e neófitos, simplemente con darlles a oportunidade. Falo por experiencia, pois os coñecín ao vivo hai case unha década e desde entón non necesito que veñan de fóra a dicirme que bos músicos son. Non tardemos en recoñecer e gozar deles.

Pepe Cunha, 27-decembro-2016

Facebook