Talabarte

Abril 07, 2017

En tempos de incertidume e reinvención no mercado da música, hai artistas (e discográficas) que redobran esforzos, agarimo e imaxinación na presentación dos seus traballos. O segundo álbum do super-trío acústico Talabarte resulta un pracer total no visual e no musical, algo que xa o agardabamos tras o percorrido que tivo o seu debut. Esta ducia de composicións vén acompañada dun libro ilustrado de novo por Pedro Giráldez “O Pastor” e con textos de Carlos Meixide. Talento e imaxinación a eito presentados nun formato que cómpre mercar si ou si. Macerar isto levou tempo, pero a espera quedou xustificada. É a liberdade que ofrece vivir á marxe das reglas do mercado.

Aínda que seguen a ser partícipes doutros proxectos, nesta década foron desaparecendo bandas nas que militaban coma Berrogüetto e Marful que, loxicamente, requerían atención. Ademais, a aposta por Talabarte reafirmouse na vida longa do seu debut e os recoñecementos recibidos deste pola crítica ou en concertos diante de ducias (que fermosa a xira “Ao son da cociña” !) ou de centos de persoas.

Resulta un reto describir o mundo que crean o contrabaixista Kin García, o violinista Quim Farinha e o acordeonista Pedro Pascual, pero bendito reto. Esta viaxe no Tradincerto (véxase o avión da capa do libro e léase o limiar do Quim) reafirma os alicerces do seu debut: o virtuosismo unido á imaxinación, á falla de prexuízos e á improvisación jazzística. Amosan o coñecemento de ritmos tradicionais como a milonga ou a polka, do folque galego, o Mediterráneo (fermosas colabracións do gran frautista Jorge Pardo en “A Sentoleira” e “Sísamo Road”), a Europa do leste … en temas propios e 5 versións de tradicionais. As outras colaboracións punctuais van a cargo de Pierrot Rougier coa frauta e Ugia Pedreira a pandeireta en “Kuun Laulu”, o comezo estupendo do álbum, e Olga Brañas pon tamén pandeireta en “A sentoleira”, outro dos “ghits” potenciais de “Fake”. Se se me permite falar nestes termos dun disco para ESCOITAR -si, con maiúsculas- e deixarse levar.

Recomendo achegarse a este “Fake” sen présas. Contén moita información musical, matices abondos e arranxos precisos. Porén, fágano tamén sen medo, pois é unha proposta de calidade sen o pecado do elitismo. Desta música gozan ouvidos entendidos e neófitos, simplemente con darlles a oportunidade. Falo por experiencia, pois os coñecín ao vivo hai case unha década e desde entón non necesito que veñan de fóra a dicirme que bos músicos son. Non tardemos en recoñecer e gozar deles.

Pepe Cunha, 27-decembro-2016

Facebook

3 hours ago

Ábrete de orellas
En galego, con independencia e citando fontes e referencias. Estas serían as premisas que sigo desde que me puxen ao outro lado dun micro. Non falo (ben) dalgo porque me paguen ou acrediten nin publico para monetizar. Non vivo disto. Dígoo pq xa mo preguntaron.Fdo: O director orelludo ... See MoreSee Less
Ver en Facebook
20:30 h.
Teatro Principal, Santiago de Compostela.