nota:
6 € / 3 € (soci@s)
O grupo Talabarte é o resultado da confluencia artística de tres músicos imprescindibles do noso país. Quim Farinha, Pedro Pascual e Kin García crean un novo concepto de formación na Galiza, estritamente acústico e baseado na música tradicional. O violín de Quim Farinha, o acordeón diatónico de Pascual e o contrabaixo de Kin García propoñen unha viaxe a través das músicas populares galegas, mais tamén doutras latitudes. O repertorio complétase con composicións propias, enfiadas con distintos enfoques estéticos que van dende o jazz até a música tradicional europea, pasando por sensibilidades tan singulares como o tango. Do espectáculo cómpre dicir que Quim Farinha é un sospeitoso habitual dos escenarios na Galiza dende finais dos anos oitenta. O seu violín deuse a coñecer en grupos como Fía na Roca, soou dende as súas orixes en Berrogüetto e forma parte de grupos como A Banda das Crechas, Os d’Abaixo ou o propio Talabarte. Pedro Pascual, pola súa banda, é un virtuoso do acordeón diatónico, sendo profesor no Conservatorio de Música Tradicional. Colaborador habitual de diferentes músicos e cantantes, formou parte dende a súa fundación do grupo Marful. Kin García é un dos contrabaixos máis destacados da Galiza e acompaña habitualmente á intérpretes como Susana Seivane, Uxía, Dulce Pontes, Berrogüetto…
Featured