SUSPENDIDO: Os 17 Hippies, a banda máis divertida de Berlín, tocarán en Vigo e Santiago os días 23 e 24 de maio

Abril 26, 2012

A banda presentará o seu último disco, 13 cancións que reúnen unha avalancha tímbrica de clarinetes, trompetas e fliscornos xunto a buzukis, banjos, ukeleles, violíns e acordeóns. A entrada anticipada custa 15€ e pode mercarse xa a través da web www.codetickets.com ou, para o concerto de Vigo, en Discos Elepé e, para o de Santiago, na Casa das Crechas e en A Reixa Tenda. O prezo da entrada no despacho de billetes será de 18€

Os 17 Hippies, a banda berlinesa máis variada, marchosa e divertida, darán dous concertos en Galicia enmarcados na súa xira por España. As citas serán o mércores 23 de maio na Sala Mondo de Vigo e o xoves 24 de maio na Sala Capitol de Santiago de Compostela. Nelas a banda de culto da capital alemá presentará o seu último disco, Phanton Songs, 13 cancións que reúnen unha avalancha tímbrica de clarinetes, trompetas e fliscornos xunto a buzukis, banjos, ukeleles, violíns e acordeóns.

Os 17 hippies non son en realidade 17, senón 12 e caracterízanse por proceder das máis variadas latitudes europeas, con facilidade para cantar en inglés, alemán ou francés e para mesturar instrumentos e tradicións de diferentes países con sons máis globalizados da música popular. Viaxan sen problema dende a polka á chanson francesa, á liberdade do cabaret, a fanfarria e á furia da música balcánica. “Definitivamente inclasificables, nin son rock nin son world music”, así os describe o crítico musical da BBC Charlie Gillett, quen cita como as súas principais influencias “o cajun de Louisiana, Cole Porter, a chanson francesa e Leonard Cohen”.

Así mesmo, caracterízanse por soar enriba do escenario como se o estivesen pasando en grande e non se tomaran nada moi en serio. Pero a súa música é moito máis profunda do que o oído percibe na primeira escoita, con melodías que percorren todos os instrumentos do grupo e que deixan entrever baixo ese ton luminoso certa melancolía.

As entradas anticipadas custan 15€ e xa están á venda a través da web www.codetickets.com. Ademais, no caso do concerto de Vigo, poden mercarse tamén en Discos Elepé, e para o caso do de Santiago, na Casa das Crechas e na Sala Capitol.

A idea orixinal era reunir unha infinidade de músicos adscritos a unha paleta de estilos “paneuropeos” para que cada un deles achegase os seus coñecementos e ideas libremente. Desta maneira, chanson, klezmer, rumba ou polca fanse compatibles con acordeón, banjo, clarinete, maracas, etc. Levan 16 anos provocando un estalido rítmico imposible de domar, nos que sumaron uns 2.000 concertos e tocaron en lugares tan variados como os Estados Unidos, Francia, China, Xapón ou Alemaña.

A súa música é un descubrimento. Exactamente igual que unha vez se inventou o son New Orleans, eles inventaron o son 17 Hippies ou “Kulturbrauerei”, de Berlín. Son como unha banda de música de xitanos húngaros aos que se lles uniron uns xudeus, que de cando en vez cantan en español ou tocan a balalaika. Non lles falta un fabricante de instrumentos, nin un carteiro, nin unha estudosa da literatura alemá, nin un deseñador gráfico, nin pais ou nais cos seus fillos, nin compositores, nin unha cellista… E de todo iso inventaron o excelente son 17
Hippies: alegría de vivir e un chisco de melancolía, que é o punto máis elegante que ten a tristeza humana.

AXENDA

Facebook