O título do sexto álbum dunha das nosas gaiteiras máis populares non podía ser máis explícto se temos en conta os momentos que estamos a vivir. Durante o confinamento a música mantivo o ánimo ao longo daqueles seráns nos que nos asomabamos ás rúas, prazas ou fincas, como é o caso da nosa protagonista. Aquí temos o repertorio que a Seivane compartiu coa veciñanza e as redes sociais durante case dous meses e servido dun xeito case totalmente caseiro / familiar pois, agás as percusións de Carlos Freire, os outros artistas que interveñen son a propia irmá de artista e a seguinte xeración da familia Seivane: Antón, Maren, Fiz e Brais.
Nun regreso ás orixes tradicionais, o álbum repasa desde a “Marcha do Antigo Reino de Galicia” até o “Himno galego” de Pascual Veiga, pasando por máis de 50 pezas de Ricardo Portela, Herme, Moxenas, Muxicas, Os Morenos de Lavadores, Os Campaneiros, Marcos Castro, Pepe Romero, Suso Vaamonde … que agrupa en case 20 suites. Cunha interpretación básica resulta unha sorte de “Galician tradicional songbook”: “Muiñeira de Lugo”, “O sacristán / A Carolina / O galo”, “Ao pasar por Camariñas”, “Chantada”, “Ponte Sampaio”, “Rianxeira” “Pousa”…. Porén, ten a peculiaridade de empregar até 8 gaitas en diferentes tonalidades e a anécdota de agasallar un bonus track curioso: unha interpretación gaiteira de “Vivir así es morir de amor”, unha das cancións máis manidas do confinamento.
“Dende o balcón” é un traballo austero, arredado de complexidades, que quedará como un agasallo para quen compartiron esas citas no confinamento e como testemuño dun momento de repaso, de reflexión, de procura de forza e inspiración nos ancestros, nas raíces, naquelo que resistiu varias épocas e que nos une tanto como unha familia.
Pepe Cunha, 20-outubro-2020
Dispoñíbel en plataformas dixitais e á venda en edición física na web da artista,