publicado no suplemento Sermos de Nós Diario o sábado 21 de marzo de 2026
Aló polo cambio de século, o rock tinguido de compromiso e mestizaxe estaba en auxe (Mano Negra, Negu Gorriak, Amparanoia, Dusminguet …) e na Galiza tivemos bandas máis ou menos afíns a esa corrente e ao bravú. Xenreira, Os Diplomáticos, Ruxe Ruxe, A Matraca Perversa, Lamatumbá … ou a viguesa Nen@s da Revolta. Nesta precisamente militaban Tamara e Elías, integrantes da nosa banda protagonista, onde tamén atopamos Mikele, peza chave na escena underground da área olívica e que pasou por Keltoi, Skacha ou Soak.
Co barrio de Teis como base e bautizados co xeito de dicir “son eu” no galego de Goián, Sun Iou apareceu en 2024 co álbum “Agora”, unha proposta pop-rock coas raíces e letras de conciencia social, reivindicación e denuncia sen que faltase o positivismo. Tratábase dunha carta de presentación da identidade da banda, con momentos notábeis, pero talvez carente dunha solidez, de pegada en conxunto. Si, disque quen moito abrangue pouco aperta, e moitos debuts pecan de querer dicir moito e abanear de máis. Porén, os álbums seguintes serven para encarreirar o rego e isto pasa con “Egos”, onde a banda é quen de ligar e definir con xeito o que achegan varias mentes e corazóns. Desde a peza que abre e titula o disco notamos unha proposta sonora máis compacta, conceptual, contundente e semella que boa parte da culpa tena Peter Petrowski, que acompaña na produción.
Do debut seguen as guitarras, os coros, as gaitas, a actitude punk, os momentos de baile (aquí máis apoiados na electrónica), a ollada contemporánea e feminina, a tradición e a identidade, así como a inclusión dunha peza máis cómica ou distendida. Daquela era “Jon Corpoescombro”, agora é “Entón ke!”. Entre o bo ton xeral, salientaría “Guerrilleiro”, onde musican un poema de Florencio Delgado Gurriará, a remestura de “Egos” a cargo de Petrowski ou “Fronte ao mar”, onde fusionan o Marcha do Antigo Reino de Galicia coa letra do escritor Calros Solla. Nun país normal, estas dúas cancións ou “Quero” (coa referencia a Manuel Antonio non ficaremos sós, o mar o barco e nós) serían ghits en potencia pero os medios e as produtoras están noutras cousas. Ademais, unha formación con oito integrantes que canta letras directas na mensaxe, incomoda ou mete o dedo no ollo non o ten fácil, para que negalo.
Títulos como “Papoula”, “Resistimos”, “Revolución”, “Desobedece” ou “Dáme un like” completan unha mensaxe sensíbel e contundente, sobre o individual e o colectivo, a contradición, as máscaras (ver portada), nunhas cancións que soan actuais e se bailan e corean con puño e cabeza en alto, que transmiten identidade e compromiso innegociábeis. Elas téñeno claro, Que marmuren, esta é a miña revolución en movemento.
Pepe Cunha 21-marzo-2023


