Sun Iou “Agora”

Abril 05, 2024

Dende o barrio vigués de Teis chega un proxecto novo pero argallado por músicas coa súa bagaxe. Tamara Martínez (voz e teclados) e Evaristo Alejos “Alex” (baixo e voz) de Residuas Radioactivas traballaron nunhas melodías e letras de Tamara que levaron ao técnico de son Mikele Fagá. Este técnico e músico veterano (Skacha, Keltoi, Soak) non só engadiu instrumentación senón que se sumou a un proxecto que bautizan co xeito de dicir “son eu” no galego de Goián; un xesto de arraigo ben acaido co que amosa este debut.

Tras a gravación o asunto seguiu a crecer co toque final de Xonix Records, que acaba de pulir unha proposta que segue o ronsel da chamada mestizaxe, das bandas que combinan estilos diversos desde o pop-rock coas raíces e letras de compromiso, reivindicación e denuncia, sen que falte o positivismo. Como por exemplo aquelas Nen@s da Revolta nos que coincidiu Tamara co guitarrista Elías, un dos músicos que estarán nuns directos onde tamén haberá gaita, pandeireta e mais voces. “Cantiga de marzo” pon as cartas na mesa: letras que procuran combinar sensibilidade e forza encaixadas entre melodías claras, baterías contundentes, guitarras eléctricas, solos de gaita … e mesmo toques sinfónicos.

Aínda que colección temos as máis roqueiras “Redención” e a mencionada “Cantiga de marzo”, predominan as pezas que van cara ao folk ou tradi como “Do outro lado do río”, “Cantar”, “Non hai valados” ou “Blues do pexegho”. Porén, a variedade conséguese co carácter máis pop de pezas como “Amor sen condicións”, o achegamento ao ska (“Agora”), ao punk (“Alborada feminista”) ou ao country na final “Jon corpoescombro”. Se pensas que non todo é parecer novidoso ou ir á moda, e que ás veces se agradece que nos alivien delas, aquí non faltan cancións ben feitas, que soan ben, e que cheiran a país con estrela e puño en alto.

Pepe Cunha 5-abril-2024