Sumrrá “Seis mulleres”

Novembro 21, 2018

“Sumrrá rinde tributo a 6 mulleres poderosas que foron e aínda son fonte de inspiración na loita dun futuro mellor para toda a humanidade. Frida Kahlo e Rosa Parks de América, Rosalía de Castro de Galicia, Quin Jin de China, Malala Yousafsai de Pakistán e Nawal El-Saadawi de Exipto. Sumrrá 6 Mulleres é unha aportación á loita feminista dende a música contemporánea do século XXI.”

Así se presenta o novo álbum dun trío de jazz que, desde Galiza e cunha historia de máis de 18 anos, leva realizados seis álbums e concertos polos cinco continentes para acadaren un recoñecemento importante. O seu equilibrio case perfecto entre técnica e emoción consegue asemade gañar público alén do jazz. Probablemente porque son reafirmación da liberdade e a amplitude desa etiqueta sonora ao incorporaren sutilmente matices doutros estilos máis estendidos entre o público: funk, blues, rock …

Hai tempo que Manuel Gutiérrez ao piano, Xacobe Martínez Antelo ao contrabaixo e Lar Legido amosan un grao de maxia e complicidade que chega a quen escoita, pero arestora viven un momento máis que doce e inspirado, de visibilidade e recoñecemento favorecidos polo lanzamento e produción do selo Clermont Music, como o seu anterior “V Journeys”. Non hai que ser unha eminencia para constatar que teñen un estilo de seu, coherente e creativo. Como o de María Meijide no traballo artístico da edición física.

Desta vez procuraron inspiración en 6 mulleres que se ergueron para combater estereotipos e mudar realidades inxustas e o resultado son seis celebracións (cinco compostas por Martínez Antelo e unha por Gutiérrez) onde poñen a pericia instrumental ao servizo da emoción. Transmiten dignidade, beleza, tristura, intensidade, fereza … e instrumentalmente poderiamos ir salientando ducias de liñas, fraseos, solos ou detalles de cada instrumento.

Desde a emoción da primeira vez que escoitei “Rosalía de Castro”, ao vivo e só uns días despois de ser gravada nos BOOMStudios de Porto, devecía por volver a ela. Agora gozo recuperando as demais e podo facer a recomendación convencida de que lles reserves un oco, abras as orellas e te deixes levar.

Pepe Cunha, 21-novembro-2018

AXENDA