Sumrrá

Abril 26, 2015

nota:

a Casa das Crechas acolle un novo concerto do grupo de jazz galego máis lonxevo e internacional: Sumrrá. Este trío está formado polo pianista Manuel Gutiérrez, o contrabaixista Xacobe Martínez Antelo e o batería L.A.R. Legido e veñen de gañar os Premios Galegos da Música 2014 ao mellor grupo de jazz.

Tras 14 anos de traxectoria e 4 discos editados, o trío de jazz compostelán Sumrrá volve en abril os domingos ás Crechas, ofrecendo concertos todos os domingos do mes, nos que o público poderá disfrutar en vivo da discografía completa deste grupo considerado como “un dos tríos mais importantes do pais” (Tomajazz) ou como “un novo referente do jazz” (JazzHispano).

Trátase dunha formación cunha das traxectorias máis sólidas e constantes da escena jazzística española, cunha gran proxección internacional, como certifican as súas xiras por festivales de Bolivia, Francia, Bulgaria ou Sudáfrica e o seu paso por numerosos festivais como Festival San Juan Evangelista (Madrid), Johannesburg Joy of Jazz (Southafrica), Festival de Jazz ImaxinaSons (Vigo), Ciclo de Jazz 1906 (Valencia, Barcelona, Bvilbao, Oviedo), Festival de Jazz de la Paz (Bolivia), Festival de Jazz de Santa Cruz ( Bolivia), Festival de Jazz de Alcudia (Mallorca), Jazz Plus Festival (Sofía)…

Sumrrá fórmase no ano 2000 e ata hoxe deixou atrás centos de concertos e catro discos, dous deles gravados ao vivo.

Desde os seus inicios na cidade de Compostela, Sumrrá cautivou a crítica e público cun jazz inclasificable, melódico e moi aberto, destacando a orixinalidade das súas composicións, a calidade dos seus integrantes e a frescura dos seus directos. Sumrrá non entende de modas, de etiquetas, nin de estilos. Pasaron 14 anos dende a súa formación, que no jazz é moito tempo, desta feliz reunión, e o trío continúa reinventándose e alimentándose dos proxectos paralelos dos seus compoñentes.

Máis información:

AXENDA

20:00 h.
Casa das Crechas, Santiago de Compostela.
3 €