Su Garrido Pombo “Patios de luz”

Marzo 14, 2023

A Traspielas e o barrio do Calvario separábano unha estrada de máis de cen curvas e cada domingo os habitantes dos patios voltaban cos maleteros cargados de patacas porque nos patios case todas sabían que comer patacas era coma comer terra, recordos, memoria. Así, cun pé en Vigo e outro na aldea de Traspielas (Fornelos de Montes), a cantante, guitarrista e compositora Su Garrido Pombo presenta este segundo traballo de seu. Atrás quedan Treme -proxecto a dúo coa cellista Margarida Mariño e un álbum chamado “Mundo Ideal” (2016), a súa participación coma vocalista no Son Trío con Katerina Linke (piano) e Susanna Blanco (cello) e o seu debut propio “Quedo a vivir aquí“(2018). Catro anos despois suma á súa proposta un chisco de electrónica e ruído avelaíño sobre o carácter máis orgánico da súa guitarra.

De novo presenta unha autoedición case artesanal e tan agarimosa como o seu xeito de cantar e nos falar. Faino desde a proximidade e sobre as cousas sinxelas (“fixeches doce caseiro de sobremesa“), as relacións, neste caso do mundo rural que invade o mundo urbano, nunha “homenaxe a esa vida en comunidade tan característica da aldea e dos patios de luz dos edificios.” Se a coñeces non a esqueces, pola súa proposta intimista e mestura de folk, bossa nova, jazz … toda unha carantoña que deixa recordo. Marca cunha pegada desde a calma, pois non procura chamar a atención con calquera artificio e fica case nun estatus de pequeno tesouro agochado. É o que ten non provocar algo de balbordo mediático ou concesións para acadar popularidade. Aquí temos o esqueleto da produción artística, digamos, do mesmo xeito que a gravación é tamén humilde en instrumentación. Voz, coros, guitarras e pandeiro ao seu cargo e a axuda de Marco Maril para crear esa atmosfera cálida e suave desde a produción, gravación e ruidos. “O outro lado” é unha das mellores mostras disto. Porén, cando a canción o precisa tira de colaboracións igual de coidadas: Susanna Blanco pon o cello en “Nun patio de luz” e “A arranca das patacas” e Iago Ramilo o saxo barítono e contralto en “Domingo” e na subversiva “A horta do Berbés” (“Carmucha, se ti me ensinaras, na Praza do rei botaba patacas. Plantaría un carballo no centro mesmo da burocracia”)

Su está aí para quen faga por se achegar ao seu traballo, pero non confundamos isto con dificultade ou elitismo. Canta doce, con liberdade, sen máis compromiso que coa súa naturalidade vital, esa que usa, por exemplo, para versionar con tanta emoción unha peza coñecidísima como o arrolo “O meu neno”. Ademais desta recreación preciosa, o álbum presenta outras nove pezas de composición propia, entre elas un concerto en min menor (si, estudou guitarra no Conservatorio Mayeusis de Vigo) sobre versos de Olga Novo “O arranca das patacas”, e outra en coautoría co irlandés Keith Payne. Desta apaño o título significativo de “To Let the Light Shine Through” para te animar a procurar o brillo da súa luz, auténtica e reconfortante para estes tempos de ruído, présas, “produtos” e fakes.

Pepe Cunha, 14-marzo-2023

http://sugarridopombo.com

https://sugarridopombo.bandcamp.com/album/patios-de-luz

repertorio
Nun patio de luz
Rúa do Pracer
O outro lado
Doce caseiro
Domingo
To let the light shine through
A arranca das patacas
O meu neno
A horta do Berbés

bonus track

As flores silvestres

AXENDA