Stormy Trucks + Bakin Blues Band

Agosto 11, 2020

nota:

O Feito a Man comeza mañá unha edición de excepción, coma os tempos que vivimos. E faino con toda a prudencia posible, con aforo limitado, distancia de seguridade e unha soa localización para poder garantir todo isto: o cemiterio de Bonaval. As entradas (a 5 euros) xa están á venda nos locais da asociación.

Estas son as bandas:

A Bakin’ Blues Band naceu en 2008 en Santiago de Compostela e consolidouse nos diferentes clubs da cidade até participar en festivais de toda a Península. Neste tempo a banda compartiu escena con músicos de blues e soul recoñecidos internacionalmente como Barbara Lynn, Bonney Fields, Little Mike & The Tornadoes ou Greg Izor.

Ten publicados dous EPs: ‘Jumpin’ in a deep blue sea’ (2013) e ‘It’s always party time at home’ (2014), ademais de ‘Ten long years’, polo seu décimo aniversario . Foron banda residente no DadoDadá Jazz Club e agora no FraggleRock, ambas os dous na cidade que os viu nacer. O poderío desta formación estriba precisamente na potencia duns directos que colleitaron xa un público consolidado que goza escoitando esta enérxica mestura de blues de Chicago, rumba, soul e boogiewoogie.

As influencias da banda, formada actualmente por Javi Turnes (guitarra e voz), Tato Vázquez (guitarra), Ale Casquero (teclados), Lucas Fernández (batería) e Fran Sanz (baixo), abranguen un amplo espectro sonoro que vai dende o blues de Chicago até o shuffle de Lowell Fulsom, sen esquencer os grandes mestres coma Muddy Waters, Howlin’ Wolf ou Little Walter. Ademáis do espírito da música que lle dá nome e a través dela, a Bakin’ pretende transmitir valores de fraternidade e humildade fronte a un mundo cada vez máis deshumanizado. Bakin’ Blues Band fundouse en Santiago de Compostela en 2008 por Turnes, Tato, Bibi Prieto (baixo) e Fran Facal (batería), e por ela pasaron infinidade de músicos nunha sorte de John Mayall’s Bluesbrakers á galega.

Stormy Trucks nace en outubro de 2018 e, na súa relativamente curta traxectoria, xa tocaron intensamente por gran parte da xeografía galega, participando na edición 2019 da Rede Galega de Música ao Vivo da AGADIC, con concertos en salas como A Ventana, Sala Son, La Pecera ou Moon Music Club.

Os Stormy tocan rock’n’roll cru e directo, puro son e diversión, sen concesións. Sen trampa nin cartón, á vella usanza dos tríos clásicos deste estilo, combinando temas propios con revisións de clásicos. Neste 2020 están a presentar o seu primeiro disco, “Damn The Storm” (Struck By Lightning, 2020), unha verdadeira descarga de boa música e enerxía, editado o pasado 15 de xuño de 2020. Stormy Trucks son: Valentín Caamaño, guitarra e voz; Duco Miserable, baixo; e Luke Jennings, batería.

Seguir apostando pola cultura

A asociación Cidade Vella segue a apostar pola cultura aínda que non poida celebrar os concertos nas súas terrazas como era habitual desde os comezos deste festival hai xa 16 edicións. As circunstancias obrigan e nesta ocasión creouse un novo modelo, cunha soa ubicación e unicamente bandas galegas.

Os concertos terán lugar do 11 ao 15 de agosto con dous grupos cada noite de estilos diversos. A segunda xornada tira máis cara o jazz con Udra (neosoul, funk, jazz) e David Lojo Quartet (jazz). A terceira será unha noite netamente compostelá, con Sr. Salvaje (rock, psychodelia, blues) e os Samesugas & Willy Succo Brother, mítica banda santiaguesa que está a celebrar o seu vinte aniversario. A xornada do venres 14 soará máis tradicional, con Caldo (folk) e Habelas Hainas (músicas de raíz galega).

E o festival pecha o sábado 15 con concertos de Viruxe (jazz, psychodelia, rock progresivo) e Bird Lives (jazz, bebop), unha formación creada ex profeso para celebrar o centenario do lexendario saxofonista e compositor Charlie Parker.

21:00 h.
Cemiterio de Bonaval, Santiago de Compostela.
De balde.