Se non che soa o nome deste anglo-mallorquín, talvez si o faga o nome da banda barcelonesa na que militou: The Tea Servants. Con eles editou cinco discos, tres con Grabaciones en el Mar e dous con Houston Party. No 2005 xa comeza editar en solitario e este é o seu segundo traballo, primeiro con La Produktiva Records. “Break the rules! ” é unha colección de cancións elegantes e delicadas, con claro regusto a grandes nomes do folk-rock dos setenta (Cohen, Cat Stevens, James Taylor, Simon and Garfunkel, Crosby Still and Nash … ) pero tamén co seu chisco de jazz a cargo da banda de acompañamento. A este feito contribúe sen dúbida unha gravación practicamente en directo, sen artificios dixitais, procurando a maxia e autenticidade. O resultado son unhas cancións que piden complicidade e intimismo, que agradecen unha escoita saboreada con relax e atención, como parece indicar en “Golden Lights”: “Relax your mind / pay attention to the signs / they are always given! “. Aínda que hai pezas máis aceleradas, como “Together” ou “Took The Train”, a emoción sempre aparece contida ao servizo dunha voz profunda e as achegas de gusto e virtousismo de músicos como Miguel Pérez nas guitarras e o pedal steel. “Ancient Lies”, “Morning Breeze”, “All Kings on Earth” ou o tema que titula o álbum, raian a gran nivel compostivo dentro dunha proposta sincera e magnificamente interpretada.
Pepe Cunha 19-nov-2011