nota:
Sr. Chinarro presenta no Ciclo Sons Ferrol o seu novo disco “Perspectiva Caballera”
Sr. Chinarro será o encargado de pechar o primeiro semestre do recoñecido Ciclo Sons Ferrol 2015 o vindeiro venres, 12 de xuño. A recoñecida formación andaluza presentará no Teatro Jofre o seu último traballo “Perspectiva Caballera”.
O concerto comezará ás 20:30 horas e as entradas para asistir xa están á venda, cun prezo anticipado de 10 euros e de 12 no día do evento. Os pases pódense adquirir no despacho de billetes do propio Teatro Jofre e en ataquilla.com.
Sr. Chinarro chega á cidade da man do Ciclo Sons Ferrol, que neste ano programou con gran éxito outros directos como Loquillo, Luz Casal, Leiva ou Lori Meyers.
A “Perspectiva Caballera” de Sr. Chinarro
Sr. Chinarro é o proxecto musical encabezado por Antonio Luque, músico referente do panorama musical independente español e considerado un dos mellores letristas actuais.
A formación naceu en Sevilla en 1990 e desde aquela publicou 15 longas duracións e 5 curtos. O seu último disco “Perspectiva caballera” saíu á luz o pasado mes de outubro, recibindo unha gran acollida pola crítica, que o cualificou como un dos seus mellores traballos.
Dez temas autoproducidos, que Antonio Luque presentará nun directo con banda, e que acompañará doutros éxitos da súa extensa carreira musical.