ciclo Íntimo & Acústico
Chega a Santiago de Compostela un dos artistas máis recoñecidos na escena indie española, Sr. Chinarro, co seu último disco, “Enhorabuena a los cuatro”, que foi presentado este mes de febreiro. O concerto será ás 21 horas no Teatro Principal, dentro do ciclo Íntimo & Acústico, co que regresa a Santiago de Compostela despois de máis de tres anos da súa última actuación na cidade.
Antonio Luque, máis coñecido como Sr. Chinarro, chega cunha carreira avalada por trece discos que lle reservan un lugar importante na historia do pop español, e que á súa vez o recoñecen como un letrista influínte. A súa prosa, chea de costumismo e de folklore, foi publicada en libros, xornais, revistas e blogs, e tivo parte de culpa da popular reivindicación do castelán nos novos grupos de pop. Un artista mordaz, rotundo e crítico, que se sinala como un dos portavoz da súa xeración.
De feito, Antonio Luque presentará en Santiago de Compostela o seu último libro, Exitus, o venres 15 de abril ás 12,30h en Kunsthalle (Rúa da Conga, 8). Trátase da súa primeira novela, despois de ter iniciado unha carreira literaria con tres contos publicados en 2009.
O seu último disco, “Enhorabuena a los cuatro”, amosa de novo un ritmo creativo, unha calidade e unha facilidade para os cambios inauditos nun músico. Foi gravado cunha nova banda que acompañaba a Antonio Luque e con colaboradores como os membros de La Habitación Roja, Zahara, Anni B Sweet, Linda Miranda, Pablo Maronda ou Guille Mostaza (Ellos), entre outros.
As entradas teñen un prezo de 12 euros anticipada e 15 euros na billeteira, e poden mercarse no Teatro Principal, na Reixa Tenda, en Kunsthalle e en entradas.novagaliciabanco.es.