Spain

Novembro 16, 2013

nota:

Ciclo PLACERES OCULTOS

[organiza: Desconcierto Cultural]

Sábado 16 e Domingo 17 ás 20h

SPAIN + WES SWING

A banda SPAIN (sábado), coa súa resplandecente quietude, sempre rebosante de emocións e espiritualidade, deixaranos disfrutar do seu último e mellor traballo, máis tamén do aclamado The Blue Moods of Spain, referencia permanente entre os mellores discos dos 90.

Pola súa parte, WES SWING (domingo), tráennos unha mistura de moderno clasicismo europeo e a tradición sureña americana. Expresividade e melancolía para esta tarde de domingo.

Spain 10€/13€ – Wes Swing 7€/9€ – abono 15€/18€

Volve o ciclo Praceres Ocultos con concertos dos americanos Spain mañá sábado e Wes Swing o domingo

Spain (rock/pop) – sábado 16 20h (10/13€)
Wes Swing (folc) – domingo 17 20h (7/9€)

O Ciclo Praceres Ocultos de Desconcerto Cultural continúa co seu programación de outono cun fin de semana na Casa das Crechas pensado para a estación do ano na que nos atopamos. Spain (sábado 16 de novembro) e Wes Swing (domingo 17) serán os protagonistas de dúas tardes nas que gozaremos dos sons das pingas ao caer, os vidros empañados e as cálidas conversas en penumbra, arroupados por dúas coidadas propostas inéditas en Galicia.

O sábado 16, a música de Spain, coa súa resplandecente quietude, sempre rebosante de emocións e espiritualidade, faranos gozar do seu último e mellor traballo e do aclamado ‘The Blue Moods of Spain’, referencia permanente entre os mellores discos dos 90, nese magnífico recuncho de Compostela que é a Casa das Crechas.

O domingo 17, Wes Swing, cunha mestura de moderno clasicismo europeo en harmonía coa tradición sureña americana, contribuirá a evocar profundos sentimentos que se recollerán nas paredes de pedra e madeira do senlleiro local compostelano.

Trátase de dúas tardes, con dúas propostas independentes pero non por iso distantes, senón máis ben todo o contrario: converxentes en intención e xeograficamente próximas (ambas as dúas norteamericanas) e representantes dunha gran expresividade e melancolía. Dúas veladas, de feito, que prometen facer deste Praceres Ocultos un momento inesquecible en todos os aspectos.

As entradas poden adquirirse de forma independente ou a un prezo especial de forma conxunta na Casa das Crechas, A Reixa Tenda e Ticketea.com. Os prezos son:
Spain: 10€ anticipada 13€ en taquilla; Wes Swing: 7€ anticipada 9€ en taquilla. E o abono para os dous concertos: 15€ anticipada 18€ en taquilla.

SPAIN (US)
Spain, a banda norteamericana que engrandeceu o xénero do slowcore co seu álbum de debut, ‘The Blue Moods of Spain’, na década dos 90 visita por primeira vez Galicia tras preto de 20 anos de actividade.

A obra de Spain está composta de cancións cociñadas a lume moi lento, con grande intensidade e un halo de espiritualidade, que fixeron deles unha banda de culto e un referente habitual na música popular contemporánea das dúas últimas décadas. A calidez da voz de Josh Haden, as nítidas e efectivas liñas de baixo e a proximidade física que percibe o oínte nos sons que tecen as cancións dos ata agora os seus catro discos, convértenos nunha banda imprescindible xunto a compañeiros de xénero como Low, Red House Painters ou American Music Club ou Cowboy Junkies, chegando a ser versionados ata por Johnny Cash nos seus arquifamosos American Recordings.

Na súa última referencia discográfica, ‘The Sounds of Spain’, cun Haden adherido á fraxilidade e a aquel xeito de rumorear que o lanzou á fama alternativa, algo máis brillante en términos de son, ocasionalmente ata pop, e igual de mestre na arte de seguir pintando cancións para a intimidade, lentas pero non letárgicas, reflexivas pero non depresivas, cancións eternas.

AXENDA

20:00 h.
Casa das Crechas, Santiago de Compostela.
10 / 13 €