Space Ensemble “Music for Short Films”

Xaneiro 05, 2023

Space Ensemble é un colectivo artístico da área de Viana do Castelo que produce varios espectáculos e proxectos en comunidade. Adícanse á música improvisada e ás interaccións entre disciplinas, principalmente no formato de concerto-filme. Agora, tras quince anos de traxectoria, presentan esta escolma cun total de once composicións creadas entre 2007 e 2021 para musicar ao vivo curtas-metragens que fazem parte dos seus filmes-concerto. “Nesta transposição de músicas para a gravação do disco, originalmente criadas para musicar filmes ao vivo, alguns dos temas foram ligeiramente adaptados. Não seguem os filmes na íntegra. Todas foram gravadas sem essa referência. Em algumas adaptamos a estrutura, noutras abdicamos de alguns instrumentos e efeitos sonoros, reduzindo-as ao essencial. Este disco representa também a essência do Space Ensemble enquanto formação musical mutante, pois os músicos envolvidos variam muito de tema para tema, tal como acontece nos programas apresentados por nós.”, comenta o Nuno Alves, Director Artístico do Space Ensemble.

Os temas de Music For Short Films acaban por gañar unha vida de seu neste álbum malia estaren inspirados en filmes de realizadores internacionais; desde máis recoñecidos, como Norman McLaren, René Jodoin (Canadá) e Heikki Prepula (Finlandia), a outros máis contemporáneos, como Kirsten Lepore (EUA) e Georges Schwizgebel (Suiza). Nas gravacións aparecen até 13 músicos, con cadansúa longa carreira e implicación en diferentes proxectos musicais, como Miguel Ramos (baixo e voz), Samuel Martins Coelho (tazas tibetanas, violín e guitarra acústica), Sérgio Bastos (piano e sintetizador), Jorge Queijo (batería), Eleonor Picas (arpa e voz), Nuno Alves (eletrónica), João Martins (saxofóns e melódica), João Tiago Fernandes (batería e percusión), José Miguel Pinto (guitarra), Carina Albuquerque (violonchelo), Henrique Fernandes (acordeón, contrabaixo e serrote), António José Oliveira (violonchelo) e Ricardino Lomba (eletrónica).

En principio, estas gravacións semellan recomendábeis máis para amantes das músicas instrumentais, da vangarda e/ou a improvisación. Porén, as súas actuacións ao vivo con imaxes engaiolan todo tipo de público, como puidemos constatar no encontro MUMI. Esteamos atentas por se visitan Galiza.

http://www.spaceensemble.net
https://spaceensemble.bandcamp.com/album/music-for-short-films

Pepe Cunha, 5-xaneiro-2022

AXENDA

Facebook