sorteamos entradas para ver “Románticos!” en Ferrol

Xaneiro 28, 2013

Tras o seu éxito no Teatro Principal de Compostela e o Rosalía de Castro da Coruña, o 2 de febreiro comeza no Teatro Jofre de Ferrol a xira de “Románticos”, a última obra de Produccións Excéntricas.

Ábrete de orellas sortea dúas entradas individuais que inclúen reserva doutra entrada para acompañante.

Tedes até o xoves ás 18h para entrar no sorteo enviando un correo a abretedeorellas@gmail.com co asunto “Románticos” e dicirnos que suxestión farías para mellorarmos Ábrete de orellas.

Por certo, con motivo da presentación, da obra de teatro “ROMÁNTICOS!” de Mofa & Befa, por Producións Teatrais Excéntricas, a Asociación de Amig@s do Teatro Jofre organiza unha TERTULIA, cos protagonistas, ao fin de coñecer mais polo miudo a creación deste espectáculo.
Será o mércores 30 no Café TUPINAMBA de Ferrol ás 20:00 h.

Mofa & Befa regresan para colocar un dos mitos contemporáneos no seu sitio: o espirito romantico.

A revolución que transformou o mundo e o converteu nun espazo de liberdade serve agora de desculpa para a creación de cancións e filmes con sobredose de edulcorantes sintéticas. Sí, os transboleros e as afterbaladas que martirizan usuarios de transportes públicos e visitantes de centros comerciais. O romántico ficou reducido a música de cantores como Sergio Dalma, os ollares de carneiro dos galáns de novela televisiva e á memoria para lembrar os aniversarios de vodas.

Mofa e Befa, sensibel ao auténtico espirito romántico, quere lembrar os cumes treboentos, as negras sombras, os monstros feitos de materia morta, os exangues amores de vampiros prolongandose nos séculos, as mulleres dacabalo fumando pitillos e os navios errantes de matrícula holandesa.

Poderemos comtemplar a loita do monstruo de Frankenstein contra o sinistro Julio Iglesias, comparando as cicatrices operatorias. As asombrosas revelacións do psicoanalista arxentino de Rosalia de Castro. A conde Drácula cantando o afamado bolero “Pasarán más de mil anhos”. Un consultorio sentimental para mellorar a nosa relacion sentimental, e porque non, sexual, con amantes que xa morreron e que voltan en forma de estatua, de zombi ou de espirito subtil. E para o que queira levar o seu romantismo a extremos molestos para a familia, un breve manual de suicidio.

Un instructivo repertorio de Mofa e Befa que se vera completado polos luminosos esclarecimentos do doutor Cadaval e polo romántico balsamo das aveludadas melodías de Piti Sanz.

Catro monstros, catro no palco de

MOFA&BEFA, ROMANTICOS!

AXENDA

Facebook