A primeira orquestra folque de Europa naceu en Vigo a comezos deste século e realiza as súas actividades en convenio co concello da cidade a través da á e-Trad (Escola Municipal de Música Folk e Tradicional). Dirixida por Rodrigo Romaní e apoiada nos coordinadores das diferentes seccións recolle principalmente temas con orixe na tradición oral da música galega e os arranxa para unha orquesta formada por voces, zanfonas, requintas, percusións, violíns, gaitas, arpas, bouzoukis e o contrabaixo de Álvaro Iglesias.
Este seu cuarto traballo segue o camiño dos anteriores no referido a calidade, anovación e proxección e vén inspirado no patrimonio das danzas gremiais de celebracións relixiosas con forte influenza de elementos pagáns anteriores, mesma da idade media. “Danzas Brancas”, que tamén conta coa colaboración de Kepa Junquera fundíndose con máis de corenta instrumentistas, contén temas de músicos galegos de recoñecido prestixo unidos á propia orquestra (Anxo Pintos, Xaquín Xesteira, Xosé Liz e Rodrigo Romaní) e pecha cunha versión d””O Mandil”, peza de Berrogüetto que arranxou especialmente para a orquestra Quico Comesaña, o seu autor.
Do mellor que se pode dicir é que a gravación consegue achegarse ao ambiente e a enerxía que Sondeseu transmite nuns concertos potentes. Como sinalan no libriño, “a música de Sondeseu é branca no seu cerne, quere ser forte nevarada e provocar sorriso, movemento, danza de folerpas enchendo o ar de líquida feliciadade”.
Pepe Cunha, 3-xaneiro-2014
Edita Fol Música