Nos seus álbumes anteriores, esta orquestra folque pioneira en Europa ofrecera un repertorio de temas procedentes da tradición oral da música popular do país e arranxados polas súas distintas seccións (gaitas, percusión, zanfonas, violíns, requintas e frautas de madeira). Para este quinto traballo engaden achegas de artistas do país, na interpretación e tamén na composición. Entre as primeiras, Susana Seivane, Rosa Cedrón, Toño Domínguez, Treixadura e o Cuarteto de Vento Metal Ribeira de Piquín. En canto ás segundas, podemos gozar de pezas encargadas pola orquestra a prestixiosos compositores como Xosé Lois Romero (“Maneo de Malpica”), Quico Comesaña (“Ciclotimias”) ou Pedro Lamas (“Rumba de Ribeira de Piquín”).
Porén, non falta o traballo salientábel de dous dos “directores” do proxecto, Rodrigo Romaní (“Aire de Berducido” e “Danza da lúa Espida”) e en especial Anxo Pintos porque achega unha obra particularmente creada para a candidatura das illas Cíes a Patrimonio da Humanidade, titulada “San Martiño”. Trátase nada menos que dunha suite composta para o espectáculo “O Canto das Illas” e que consta de 10 motivos inspirados na fauna e contorna da illa de San Martiño, a máis meridional do arquipélago de Cíes. Se pensasemos nun disco de vinilo, esta suite levaría a segunda cara do álbum por constituír un ente de seu no mesmo.
“Beiralúa” é un disco moi xeneroso, que abrangue desde esa suite dividida nas súas partes correspondentes ao concepto máis de canción, con clásicos como “Aí ven o Maio” (con Rosa Cedrón) de Batallán, “Campanas de Bastabales” (co Orfeón Treixadura) de Amancio Prada ou “Bando do alcalde” de Mero “Fuxan”. Non é doado reinventarse sen perder a identidade e menos aínda nunha formación con sonoridade tan característica. Son xa dezasete anos de traxectoria desde a súa creación na Escola Municipal de Música Folk e Tradicional, a ETRAD, e podemos dicir a nosa orquestra folque goza de boa saúde. Ademais, é moi recomendábel achegarse a algún dos seus concertos, non moi doados de “financiar” por mor da cantidade de instrumentistas que participan.
Pepe Cunha, 4-outubro-2018