Sondeseu.

Febreiro 02, 2019

nota:

A orquestra folk SondeSeu ofrece un concerto moi especial mañá sábado 2 de febreiro no Auditorio Mar de Vigo, dedicado á promoción das Illas Cíes como Patrimonio da Humanidade e organizado polo Concello de Vigo. Nel presentarán o seu quinto disco, ‘Beiralúa’, que saíu á rúa o pasado maio. Este novo traballo convida á danza colectiva, á colaboración de artistas e compositores na elaboración dun repertorio variado que recolle diversos enfoques na creación musical.

***As entradas gratuítas para este concerto esgotáronse en tres horas.

Neste concerto participarán destacados artistas convidados como Rosa Cedrón, a castelá Vanesa Muela, o portugués Luis Peixoto, o asturiano Xuacu Amieva, ademais de Toño Domínguez, o Orfeón Treixadura e o grupo vigués O Fiadeiro. O día 5 tamén presentarán o seu quinto e último disco, ‘Beiralúa’, ademais dalgúns temas do seu espectáculo ‘Arraianos’. Tamén interpretarán a “San Martiño Suite”, unha obra composta por Anxo Pintos para celebrar o inicio da candidatura das Illas Cíes como Patrimonio da Humanidade, que inclúe dez temas que poden descargar aquí.

Beiralúa

Beiralúa é un disco de celebración da vida plena dunha orquestra folk, primeira no seu xénero, que foi quen de abrir un camiño novo na reelaboración da música de tradición oral galega. Beiralúa é un lugar no que sobresaíntes compositores e músicos galegos, xunto con voces representativas do panorama actual xúntanse aos mestres e compoñentes da orquestra para danzar unha coreografía simbólica de unión en torno a un proxecto que os trouxo desde as ondas daquel inicial ‘Mar de Vigo’ que terciou a ‘Barlovento’ para achegarse a este novo traballo, pechando en cinco trazos, cos ‘Trastempo’ e ‘Danzas Brancas’ nos pares, a redonda luz dunha lúa presente na meirande parte dos cortes que o conforman.

Ademáis dos compositores e arranxistas habituais -Anxo Pintos, Xaquín Xesteira, Rodrigo Romaní ou Xosé Liz- en Beiralúa atoparemos obras creadas para a Orquestra por nomes como Xosé Lois Romero, Pedro Lamas ou Quico Comesaña, xunto coa presenza de convidados como Susana Seivane, Orfeón Treixadura ou Rosa Cedrón. Dun xeito especial, ‘Beiralúa’ recolle unha obra particularmente creada por Anxo Pintos para a candidatura das Illas Cíes a Patrimonio da Humanidade, titulada “San Martiño”.

Deste xeito pezas encargadas pola orquestra a prestixiosos compositores como Xosé Lois Romero, Quico Comesaña ou Pedro Lamas entrevéranse con cancións presentes xa no imaxinario colectivo, clásicos como “Ahi ven o Maio” ou “Campanas de Bastabales”, interpretadas por grandes voces como Rosa Cedrón ou o Orfeón Treixadura, rematando cunha espléndida composición de Anxo Pintos dedicada á Illa de San Martiño que pon de manifesto as enormes posibilidades tímbricas da formación viguesa creada hai dazasete anos no seo da actual Escola Municipal de Música Folk e Tradicional, a ETRAD, e que hoxe se consolida xa como a auténtica Orquestra Folk de Galicia.

***A beiralúa é o espazo onde se atopan os exploradores dos roteiros da imaxinación. Nas marxes da lúa pódense intuir as peculiares (an)danzas destes seres, onde mesturan as soidades do pensamento e as fuxidas da mente, coa xuntanza veciñal para afinar os sentidos. Ao caer o sol, centos de dedos entrasnados debuxan no aire caprichosos sons que invitan amanterse en movemento. É o único xeito de ficar ao carón da lúa, de gozar destes momentos únicos e de mantela entretida… antes de que peche. Dende a terra, moitos miran de esguello este lugar. Saben que hai momentos do día en que algo acontece. Quizáis so agardaban esta invitación sonora para vir percorrela. Quedamos na Beiralúa.

SondeSeu

Sondeseu é unha das primeiras orquestras europeas de música folk contemporánea. O seu repertorio consta de temas procedentes da tradición oral da música popular de Galicia, arranxados especialmente para a formación polos seus compoñentes e responsables das distintas seccións que abranguen gaitas, percusión, zanfonas, violíns, requintas e frautas de madeira, canto, arpas e corda pulsada.

Sondeseu naceu no ano 2001 no antigo departamento de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios, hoxe E-Trad, Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo, experiencia singular que persigue a fusión entre formación especializada, práctica escénica e música en comunidade. Dende entón leva unha traxectoria ascendente que a proxecta no panorama estatal e internacional, con cinco publicacións discográficas e numerosos recoñecementos públicos.

Máis info:

AXENDA

20:30 h.
Auditorio Mar de Vigo.
De balde.