nota:
A orquestra folk SondeSeu estrea o vindeiro venres 22 de xuño na Cidade da Cultura o seu espectáculo Arraianos, unha explosión de forza e enerxía interpretativa sustentada na contundencia do son propio da agrupación que incorpora ademais a colaboración de tres dos artistas máis virtuosos da escena folk ibérica do momento.
Vanesa Muela (Laguna de Duero) traerá ao Gaiás a voz e a percusión de Castela e León; Asturias estará representada polo gaiteiro Xuacu Amieva (Mazucu, Llanes); e de Portugal conteremos co multinstrumentista e productor Daniel Pereira (Braga). Estes artistas, raianos con Galicia, tocarán con SondeSeu que conta entre as súas las a Mestres da música tradicional como Rodrigo Romani, Begoña Riobó, Xisco Feijoo, Anxo Pintos, Xosé Liz, Xaquín Xesteira ou Alfonso Franco.
‘Arraianos’ ilustra as influencias que de xeito recíproco alimentan a expresión da música popular nos imaxinarios límites xeográcos da cultura galega. Os mellores ritmos e melodías populares de Castela e León, Asturias e Portugal emerxen coa linguaxe orquestral de SondeSeu e convértense nunha auténtica festa da cultura da Península Ibérica que traspasa os límites e impón unha nova xeografía sonora onde nada é o que parece.
SondeSeu e o seu novo disco
SondeSeu é unha das primeiras orquestras europeas de música folk contemporánea. O seu repertorio consta de temas procedentes da tradición oral da música popular de Galicia, arranxados especialmente para a formación polos seus compoñentes e responsables das distintas seccións que abranguen gaitas, percusión, zanfonas, violíns, requintas e frautas de madeira, canto, arpas e corda pulsada.
Ademais agora traen disco novo na faltriqueira, o quinto: ’Beiralúa’. Este novo traballo convida á danza colectiva, á colaboración de artistas e compositores na elaboración dun repertorio variado que recolle diversos enfoques na creación musical.
Ademáis dos compositores e arranxistas habituais -Anxo Pintos, Xaquín Xesteira, Rodrigo Romaní ou Xosé Liz- en Beiralúa atoparemos obras creadas para a Orquestra por nomes como Xosé Lois Romero, Pedro Lamas ou Quico Comesaña, xunto coa presenza de convidados como Susana Seivane, Orfeón Treixadura ou Rosa Cedrón. Dun xeito especial, ‘Beiralúa’ recolle unha obra particularmente creada por Anxo Pintos para a candidatura das Illas Cíes a Patrimonio da Humanidade, titulada “San Martiño”.
Beiralúa é un disco de celebración da vida plena dunha orquestra folk, primeira no seu xénero, que foi quen de abrir un camiño novo na reelaboración da música de tradición oral galega. Beiralúa é un lugar no que sobresaíntes compositores e músicos galegos, xunto con voces representativas do panorama actual xúntanse aos mestres e compoñentes da orquestra para danzar unha coreografía simbólica de unión en torno a un proxecto que os trouxo desde as ondas daquel inicial ‘Mar de Vigo’ que terciou a ‘Barlovento’ para achegarse a este novo traballo, pechando en cinco trazos, cos ‘Trastempo’ e ‘Danzas Brancas’ nos pares, a redonda luz dunha lúa presente na meirande parte dos cortes que o conforman.
Máis info: