nota:
Son Trío achega as letras de Rosalía de Castro a Ponteceso
O grupo feminino vigués de voz, cello e piano ofrecerá un concerto dentro dos actos do mes de Rosalía organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Ponteceso. Terá lugar o sábado 9 de febreiro ás 21 horas no salón de actos do Edificio das Escolas.
O programa Ponteceso con Rosalía, que o presidente da Fundación Rosalía Anxo Angueira inaugurou con unha conferencia sobre Rosalía e Pondal no Rexurdimento, levará o sábado 9 á vila un concerto centrado tamén integramente nas letras da poeta galega, dentro dos actos que o Servizo de Normalización Lingüística dirixido por Carlos Penedo ven promovendo durante o mes de febreiro.
Son Trío está composto pola vocalista Su Garrido Pombo, a cellista Susanna Blanco e a compositora e pianista rusa Katerina Linke. O proxecto Miña almiña que presentarán ao público é un ciclo de cancións froito da fusión da poesía de Rosalía de Castro e o seu poemario Follas novas cunha música orixinal escrita cunha linguaxe musical moi actual, para facer soar os poemas do s. XIX como se fosen escritos hoxe. Unha música intimista e contemporánea cun estilo propio cheo de matices e suxerencias e un son moi orgánico e fresco, conseguindo emocionar ao público.
O grupo formado a finais de 2017 e con poucos meses de vida ten sido recibido cunha fantástica acollida e recoñecemento tamén doutros músicos, converténdose en finalista dos premios da música Martín Códax, os máis importantes de Galicia, na que participaban máis de 400 proxectos en 15 categorías, e ven de conseguir tamén o II Premio Celso Emilio Ferreiro de Poemas musicados.
Ademais, Son Trío completa o seu repertorio con frescas e elegantes versións de cancións populares galegas e tamén doutros poetas contemporáneos galegos.