Son Rías Baixas: Amparanoia + Sés + Tods tus muertos + Narco + Dakidarría

Agosto 04, 2017

nota:

o 15º Festival SonRías Baixas chega mañá venres 4 a unha das súas noites grandes, na que tomarán o escenario do Recinto da Estacada, en Bueu, a alegría mestiza de Amparanoia, a forza combativa de Sés, o punk-reggae dos arxentinos Todos Tus Muertos, o rock combativo dos sevillanos Narco e o ska combativo dos Dakidarría.

Os bonos que permiten asistir aos tres días de festival están á venda na web 35,50 € máis gastos. Ademais, hai un pequena cantidade de entradas para asitir venres ou sábado por 25 euros máis gastos.

Abrirá a noite María Xosé Silvar, SES, cnha onda ecléctica que vai do rock ao blues pasando pola canción de autor latinoamericana. Esa é a marca da casa dun auténtico fenómeno social que chega ao SonRías Baixas 2017 con toda a forza e potencia da súa voz, con todo o xenio, o inconformismo e a paixón das súas letras. E agora atrévese, ademais, a deixarlle máis espazo á cantareira que hai no seu interior e a introducir novas sonoridades. Mañá encherá o escenario do SonRías Baixas coas súas cancións de amor e de denuncia e coa súa honestidade, lucidez e rabia.

E, despois, chegará a quenda dun dos pratos fortes desta edición do festival. Amparo Sánchez retoma o proxecto musical que a lanzou á fama, Amparanoia, no 20 aniversario do seu primeiro álbum: El poder de Machín. E faino poñendo a cantar e a bailar ao públicod do SonRías con temas que forman parte da banda sonora vital de toda unha xeración. Cancións fronteirizas e coloridas, como “Que te den” ou “La fiesta”, cheas de ritmos latinos, mexicanos, árabes, flamencos ou rumberos.
Os ritmos latinoamericanos non abandonarán o escenario do SonRías tralo paso do ciclón Amparanoia. A banda mestiza que marcou unha época no rock Latinoamericano, Todos tus muertos, chegan a Galicia case 20 anos despoisda súa disolución cun concerto absolutamente inclemente, marcado por unha audaz mestura na que teñen cabida o punk, o rap, o metal e ata o hardcore, pero tamén melodiosos fragmentos de rancheiras populares e un particularísimo rock rebelde, preñado de letras insurrectas, no que resoan os ecos de amigos da banda como Manu Chao ou Fermín Muguruza.

A noite seguirá o seu camiño combativo cos inconfundibles Narco e coa súa mestura de metal, rock e rap. Sons duros, combativos e agresivos unidos aos violentos cambios vocais de Distorsión Morales e Vikingo M.D. nun enerxético directo repleto de temas rotundos, envelenados de ironía e crueza. Esta mítica banda sevillana foi considerada a comezos do milenio “o grupo español máis orixinal dos últimos tempos”.

Desde Nigrán ata Bueu viaxa a big band galega que máis da que falar dentro do novo panorama musical estatal para pechar a primeira gran noite do SonRías baixas. Os Dakidarría porán o público do SonRías Baixas a bailar, a pensar e a soñar co seu directo electrizante. Un son fresco, divertido e desenfadado caracterizado pola súa particular fusión de ska, reggae e punk-rock que pon a festa ao servizo das loitas sociais de onte, hoxe e mañá: os dereitos da muller, os dereitos lingüísticos, a solidariedade internacional e a guerra contra o pasotismo, o individualismo, o consumismo e a manipulación da prensa. No SonRías están como na casa, son vellos coñecidos do Festival e unha das bandas máis queridas polos festivaleiros.

TODAS AS ACTIVIDADES

Venres 4
Recollida de pulseiras: 11h – 2h
Apertura de taquillas: 16h30 – 4h

Escenario Super Bock – Recinto Multiusos da Estacada
19h30 Apertura de portas
20h00 Sés
21h30 Amparanoia
23h30 Todos Tus Muertos
01h00 Narco
02h30 Dakidarria

AXENDA

20:00 h.
Recinto da Estacada, Bueu.
35,5€ (bono)