Somos pandeireteiras é máis ca este libro que recibimos. Trátase dunha iniciativa que naceu no 2021 impulsada pola investigadora, pandeireteira e compositora Mercedes Peón e que se constituiu como un espazo de reflexión para as tocadoras da Galiza. En Carballo tivo lugar un primeiro encontro galego de pandeireteiras tras o cal, un par de anos despois, chegou a primeira asociación de mulleres tocadoras galegas. Entre os seus obxectivos están a creación dun espazo permanente de articulación entre elas, a produción de narrativas colectivas propias, transmitir o seu xeito de operar, garantir o seu legado musical e oral … Ao tempo, argallouse unha publicación que derivou neste libro homónimo editado por Xerais.
Neste cento de páxinas atopamos pensamentos e reflexións que este movemento trouxo consigo a partir de catro mesas de traballo e que lemos plasmadas en textos por Ana Romaní, María Reimóndez, Andrea Nunes e Susana Sanches Arins. Ademais, Selina Otero entrevistou as tocadoras Carmen e Ermitas e a propia Mercedes Peón encárgase do prólogo: “Somos pandeireteiras é unha afirmación”.
Sororidade, transmisión, xeito de vida, influencia, función social, asociación … suman un corpus interesantísimo para quen queira máis que o discurso superficial e manido sobre as homenaxeadas neste ano nas nosas letras, unhas mulleres, como conta Mercedes Peón no limiar, “libres de tocar, de berrar, de aloumiñar coa voz, de disociar e ornamentar mentres tiñan o seu transo en colectividade, libres de facer a foliada, donas do serán e donas da palabra”
Pepe Cunha, 16-maio-2025


