nota:
¡Esgotáronse! A dúas semanas aínda para a celebración dunha das datas máis importantes na carreira de Tanxugueiras ata o momento, as artistas conseguiron despachar todas as entradas para asistir ao seu show fin de xira o próximo 16 de decembro no Coliseum da Coruña.
8.500 asistentes celebrarán e corearán xunto ao trío galego os seus grandes éxitos nesta última parada da súa extensa xira, bautizada co nome de O DERRADEIRO DILUVIO, e serán partícipes dun fito histórico, ao converterse Olaia, Sabela e Aida nas primeiras artistas en galego que consigan encher o maior recinto pechado de concertos do noroeste da Península Ibérica.
Este show tan único e especial, para o que a banda e o seu equipo de PlayPlan levan ensaiando dende fai semanas, tal e como foron mostrando nas súas redes sociais, deparará moitas sorpresas e ao escenario subirán un bo feixe de convidados de luxo. Xa confirmaron a súa asistencia Rayden (a quen, á súa vez, elas acompañarán hoxe mesmo na súa despedida no Wizink madrileño), Rozalén, a nominada aos Latin Grammy e aos Premios Goya Valeria Castro, Guadi Galego ou Muerdo. Ademais, o repertorio do concerto incluirá novos temas que se incorporarán ao setlist da nova xira para o 2024.
No que respecta á estrea de nova música, a recta final do 2023 tamén foi moi prolífica para as galegas, que estrearon novos temas con Juancho Marqués (“As que tiñan que estar”), Ruth Lorenzo (“Reina”), e a máis recente, “SANGUE”, xunto a Hard GZ.
Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro son Tanxugueiras, tres cantareiras para unha nova década. Só elas son capaces de reinterpretar os sons dunha tradición milenaria fusionándoa con ritmos urbanos, máis achegados ao trap ou á electrónica. A súa enerxía, o seu empoderamento, a súa contundencia e o seu virtuosismo vocal son os máximos expoñentes do seu innovador estilo, coñecido como trad.
O trío recolle o legado das pandeireteiras, as mulleres que traballaron por manter viva a música tradicional galega, para revisionalo e lanzarllo de novo ao mundo nunha explosión de modernidade, contando cun estilo épico e unha forza ancestral que as fixo triunfar xa en escenarios de varios países.
Aválanas éxitos como ‘Midas’, ‘Figa’, ‘Averno’ (colaboración con Rayden), ‘Pano corado’ ou ‘Terra’, tema co que se alzaron como favoritas do público no Benidorm Fest. Todos estes singles forman parte do seu último disco, “Diluvio”, publicado en xullo de 2022 e que continúan
presentando este 2023 nun potentísimo show, a Xira Midas, da man da súa oficina PlayPlan e estreando nova música editada por Calaverita Records. Tanxugueiras foron recentemente galardoadas co premio Artista Revelación Alternativo 2023 outorgado polos Premios Odeón. Organizados por AGEDI, (Entidade de Dereitos de Propiedade Intelectual que agrupa aos produtores fonográficos do país), estes galardóns premian aos traballos discográficos de artistas españois de 2022 máis exitosos en termos de vendas. Un recoñecemento máis que non fai senón reflexar o excelente momento de forma que atravesa a banda. Tamén obtiveron dous premios nos últimos Premios MIN correspondentes ás categorías “Mellor álbum en galego” e “Mellor álbum de música de raíz” por “Diluvio”. Ademais, o mes pasado alzáronse tamén co Premio da Crítica de Galicia na categoría Música. Son o son dun pobo internacionalizado. Son a cultura tradicional na pista de baile.
Son todos os mundos nun. Porque para Tanxugueiras “non hai fronteiras”.