nota:
Smiling Organizm é unha formación aberta e rotativa, integrada por músicos de diversas nacionalidades do máis alto prestixio internacional, liderada polo saxofonista e visionario musical Zhenya Strigalev. A música orixinal de Strigalev reflicte o seu estilo inquieto e imaxinativo, cheo de ideas melódicas e frescas que se integran na tradición do jazz e na vangarda da música contemporánea unindo xéneros con dinamismo e grooves urbanos.
De orixe rusa e residente en Londres, Strigalev é xa un habitual da escena neoiorquina máis creativa xunto a músicos como Chris Daddy Dave, Foley McCreary, William Parker, Hamid Drake, Robert Mitchell, Liam Noble, Tim Lefebvre, Larry Grenadier e Eric Harland entre outros. Completa a formación un quinteto de primeiras figuras:
Carlos Sarduy, considerado como un dos trompetistas cubanos con maior proxección nestes momentos.
Liam Noble, un destacado pianista británico moi orixinal e reflexivo. Noble “xamais toca un solo que non nos leve ao bordo do asento” (Moondog, Ingrid Laubrock, Lol Coxhill, Kenny Wheeler, Tom Rainey).
Foley, Joseph McCreary, Jr., coñecido profesionalmente como Foley, foi o baixista habitual do trompetista Miles Davis desde 1987 ata 1991. Desde entón compartiu escenario con Sly Stone, George Clinton, Herbie Hancock, Santana e Marcus Miller.
Harish Raghaven, unha das estrelas emerxentes da súa xeración, residente en Nova York; tocou con Kurt Elling, Taylor Eigsti, Vijay Iyer, Ambrose Akinmusire, Eric Harland, Mark Turner e Aaron Parks.
Gregory Hutchinson, batería fundamental e sobresaínte na escena do jazz actual como testemuña a súa presenza nas formacións de Joe Henderson, Betty Carter, Roy Hargrove, John Scofield, Joshua Redman e Charles Lloyd.
Zhenya Strigalev: saxo alto
Carlos Sarduy: trompeta
Liam Noble: piano
FOLEY: baixo
Harish Raghavan: contrabaixo
Gregory Hutchinson: batería.