En Ábrete de orellas non adoitamos comentar maquetas ou “demos”, como definen os SkyhookS esta tarxeta de presentación. Porén, a calidade da gravación e a orixinalidade do proxecto xustifican a excepción. Vale, recoñozo tamén a miña debilidade pola fonte de inspiración desta proposta (o baloncesto) e a procedencia (Ferrol, referente baloncestístico a nivel estatal nos 80). A estética e os alcumes dos 5 músicos desta “basket roll band” están inspirados no deporte inventado por James Naismith a finais do século XIX.
Tiran o seu nome do lanzamento característico de Kareem Abdul-Jabbar e o xogo de palabras do título tamén é evidente: se a “preseason” se refire ao que anticipa a pretemporada, a competición, “Preseasongs” son as cancións que anticipan un álbum de seu. Como non podía ser doutro xeito, as letras contan emocións, historias ou lendas de baloncesto, asinadas por un Óscar Quant (Quant, Weather Undergorund) que aquí aúna dúas das súas paixóns: o baloncesto e a música. Mais isto voa máis alto, pois se trata dun proxecto de banda que se machaca nos adestramentos e ataca en bloque.
Se Quant non agocha a súa cara pop, o “quinteto titular” (Enmanuel Drumma, Dr. Feedback, Rimas McGroove e Danny Barkay) complétano músicos ferroláns que coñecimos practicando outros estilos: pop-rock alternativo, soul-funk ou jazz. Deste xeito, a aposta sonora dos SkyhookS manexa moitos máis fundamentos que vai amosando en cada xogada-canción. Esta primeira entrega dá a benvida co partido que abre a temporada (“Openin” game of the season”), a agresividade de Julius Erving (“Doctor J”s malpractice”), a historia desa gloria do O.A.R. Ferrol que foi Nate Davis (“El extraterrestre”) e a xesta encestadora de Wilt Chamberlain “(The Night that) Wilt Scored a Hundred Points”.
Se se trataba de ir quencendo, eu xa o fixen con estes catro temas. I love this game !
Pepe Cunha, 1-outubro-2015