Hai case cinco anos que neste portal facía unha excepción e comentaba unha maqueta ou demo. Tratábase da presentación dun proxecto musical como mínimo curioso: unha banda de pop-rock presentando as súas cancións arredor do baloncesto. Ademais, o de maqueta non se correspondía coa idea de gravación de baixa calidade pois a banda protagonista conta con acceso a uns estudios profesionais, aspecto que se termina de pulir neste, oficialmente, primeiro disco da banda ferrolá que toma o seu nome do lanzamento a canastra do lendario xogador Kareem Abdul-Jabbar, un estilo vistoso e efectivo do que non anda lonxe este álbum conceptual.
Adermais deste xogador, outros dous (Manute Bol” e “Magic Johnson Smiles”) aparecen nuns títulos protagonizados loxicamente por referencias baloncestísticas como a xogada que serve de título, “Bloqueo y continuación”, a “Ronda de calentamiento”. “El pitido final” ou o “parqué”, o “tablero”, a “Presión a toda la cancha” … mais tamén podemos entender situacións paralelas na vida como “Ella tiene el control”, ilusións, decepcións, o amor, aquí “Amor bajo el tablero”, ou o ocaso vital, “Twilight of my Career”. E ao igual que na variedade de movementos neste deporte atopamos aquí variedade de rtimos: rock and roll máis ou menos clásico, power pop, soul … e mesmo chiscadelas ao Caribe ou África Central.
Houbo que agardar, pero isto xa supera a cualificación de álbum conceptual ou proposta anecdótica. A unha colección abondo solvente de cancións suman a gravación e mestura nos RRStudios e a masterización nos prestixiosos Kadifornia. E cal xogada redonda en equipo, culminan cun envoltorio de calidade deseñado por Alberto Amigo, outro musiqueiro co seu proxecto Todo el Largo Verano ou acompañando o vocalista e compositor Óscar no seu proxecto máis coñecido: Quant. Por certo, cómpre lembrar que Óscar Quant, obviamente namorado do baloncesto e a música, editou hai uns anos o libro “Bailando sobre el porqué”, tamén comentado neste portal.
Pepe Cunha, 6-xullo-22
repertorio:
“Ronda de calentamiento”
“Primer partido de liga”
“Bailando sobre el parqué”
“Ella tiene el control”
“El sustituto”
“Heaven is a Playground”
“2 vs 2 “
“Descanso”
“Magic Johnson Smiles”
“Manute Bol”
“Amor bajo el tablero”
“Presión a toda la cancha”
“Twilight of my career”
“El pitido final”
“Final del partido”