Sinsal SON Estrella Galicia, do 25 ao 28 de xullo de 2019 na Illa de San Simón (Redondela)

Febreiro 11, 2019

nota:

Abonos e entradas, á venda en abril

A de 2019 será a décima edición na Illa de San Simón (Redondela). O festival Sinsal SON Estrella Galicia presenta as súas datas: do 25 ao 28 de xulllo. Por terceiro ano consecutivo, 4 días de festival en vez de tres, nos que descubrir o cartel secreto musical que o caracteriza, así como o programa de actividades que completa as xornadas na illa. O obxectivo de Sinsalaudio, promotora do festival: volver a crear durante catro días un espazo de encontro, descuberta e convivencia, no que seguir, ademais, traballando a prol da sostibilidade deste proxecto.

Abonos e entradas sairán á venda no mes de abril.

4 días, máis de 20 bandas
Vale, dámosche algunhas pistas para que te vaias situando na última semana de xullo. Sinsal SON Estrella Galicia é un festival de música pequeno formato, diurno, e con cartel secreto. Isto quere dicir que até que chegues á illa de San Simón en Redondela, en barco, non sabes quen vai subir aos tres escenarios principais. As xornadas de xoves 25 e venres 26 terán carteis completamente distintos e desenvólvense pola tarde con 4 concertos cada día; as xornadas de sábado 27 e domingo 28 arrancan antes do xantar e repetirán cartel, con 7 directos cada día nos escenarios principais.

Por se queres saber que pasou na anterior edición, aquí a relación dos artistas que pasaron pola Illa de San Simón en 2018: Les Filles de Illighadad, Son da Memoria, Alex Ikot, Ensemble Galeria con Proxecto Terra, Dona, Nelida Karr, Side Chick, Papaya, Cosmo Sheldrake, Mordem, Karpov Not Kasparov, Altin Gun, Patricia Moon, Esteban & Manuel, КУКЛA (pronunciado como Kukla), Nakhane, La Dame Blanche, Donny Benet, Marem Ladson, Mounqup, Rita Braga, Jungle by Night.

Estamos preparando nova web pero se non coñeces o festival, visita www.festival.sins.al e poderás consultar o acontecido nas anteriores edicións.

Venda de entradas
Un cartel no que, como é marca da casa, terán protagonismo nomes emerxentes, bandas procedentes de puntos xeográficos diversos, proxectos de mulleres e, sobre todo, sonoridades diversas. Diso trata Sinsal SON Estrella Galicia, cuxas entradas e abonos sairán á venda durante o mes de abril. O viaxe en barco á illa está incluído no prezo da entrada; haberá dous portos de saída e chegada, un deles Vigo, e un cupo de entradas a prezo reducido para menores de 16 (incluídos). E un recordatorio importante: as persoas que compraron entrada para Sinsal

SON Estrella Galicia Museo do Mar, celebrado o 6 de outubro de 2018 en Vigo, poderán acceder a unha prevenda exclusiva 48 horas antes da saída das entradas, a través dun código promocional.

Si, o Sinsal SON Estrella Galicia coincide en datas en 2019 co Atlantic Fest (Illa de Arousa). Don´t panic! Se es dos que a priori lle parece un problema, non teñás dúbida de que será unha oportunidade para poder gozar dos dous eventos que se desenvolven nas Rías Baixas galegas. Dous festivais, cuxos equipos traballan cóbado con cóbado en marcas como #RíasBaixasFests ou FEST Galicia, e cun concepto coincidente á hora de desenvolver eventos sostibles e a escala humana, agrandan a oferta cultural na “semana grande” de Galicia. Dúas illas, dúas marabillas (disculpade a rima, pero non pode ser máis certeira): a Illa de Arousa e o pequeno arquipélago formado por San Simón e San Antón.

Que máis? Que nós tamén estamos desexando que chegue xullo! Se queres seguir a información de Sinsal SON Estrella Galicia, suscríbete ao noso boletín web, séguenos en RRSS ou únete á canle telegram Sinsalaudio para estar ao día!

O equipo de Sinsal SON Estrella Galicia agradece o apoio a patrocinadores institucionais e privados que contribúen á realización do festival, en especial a SON Estrella Galicia, New Balance, Xunta de Galicia a través de Agadic e a marca FEST Galicia, Concello de Redondela, e Deputación de Pontevedra.

AXENDA