Sinsal SON Estrella Galicia activa o 5 de maio a venda de abonos para asistir á nova edición do festival

Maio 03, 2023

nota:

O festival Sinsal SON Estrella Galicia activará este venres 5 de maio, ás 12:00 horas, a venda de abonos para a súa nova edición, que terá lugar os días 21, 22 e 23 de xullo de 2023 na Illa de San Simón. Serán tres xornadas de directos con propostas musicais contemporáneas e diversas en canto o estilo e a orixe das máis de vinte bandas e artistas que participarán na súa programación secreta: en Sinsal SON Estrella Galicia, o público só coñece quen actúa cada día unha vez desembarque na illa.

Sinsal SON Estrella Galicia 2023 contará con tres escenarios diferentes. Neles ofrecerase unha programación aberta a todos os estilos e experiencias, desde os sons populares até a música experimental, pasando por outras iniciativas sonoras. Bandas e solistas de África, Asia, América e Europa presentarán por vez primeira en Galicia ou en España as súas creacións. Unha novidades desta edición do evento cultural, que impulsa a promotora viguesa Sinsalaudio, é que os concertos ampliarán o seu horario: así, as e os asistentes que embarquen pola mañá ou a primeira hora da tarde no porto de Vigo, partirán de San Simón contra ás 23.30 horas da noite os días 21 e 22; e os de Meirande sairán da illa contra as 22.45 horas.

Durante o desenvolvemento do festival, as e os asistentes ao Sinsal SON Estrella Galicia poderán coñecer de primeira man o patrimonio natural, histórico e cultural do arquipélago conformado polas illas de San Simón e San Antón a través de diferentes actividades divulgativas gratuítas -como paseos con axentes sociais de proximidade, parladoiros ou mesmo talleres para público infantil- que se desenvolverán en diferentes horarios ao longo de todo o día. Ademais, Sinsalaudio organizará actividades musicais específicas. Entre elas, haberá unha exposición da Escola Sinsal vinculada ao rexistro sonoro, que este ano afondará na gravación magnética e nos diferentes soportes; un taller específico sobre a fixación de música en soportes; o rexistro de cancións da man das artistas asistentes ao festival ou mesmo a participación activa -tanto na illa coma desde a casa, nas semanas previas ao festival- a través dunha instalación.

Deste xeito, e durante toda xornada -desde o desembarco e até o momento de coller o barco de volta-, as e os asistentes poderán experimentar unha proposta singular única no panorama musical estatal, na que música, cultura, diversidade, igualdade e sostibilidade conviven co patrimonio natural dun espazo declarado Ben de Interese Cultural.

Venda de abonos

O venres 5, a partir das 12:00 horas, o público poderá adquirir os seus abonos de tres días a través da plataforma web www.enterticket.es, na que poderá seleccionar o seu abono en función do embarcadoiro desde o que desexe viaxar a San Simón: como é habitual, estarán situados no porto de Vigo e Meirande (xunto ao Centro de Interpretación de Rande). Aquelas persoas que decidan partir desde a cidade olívica gozarán dunha viaxe máis longa en barco e dunha estancia de maior tempo na illa.

Os prezos dos abonos variarán en función da idade do público (maior ou menor de 16 anos). Por unha banda, no caso das persoas adultas, os abonos de Vigo terán un prezo inicial de 155 euros, mentres que no caso de Meirande o prezo de partida será 145 euros. Pola outra, o prezo deste tipo de entrada para as e os menores de 16 anos, ou que teñan esa idade no momento de celebración do festival, será de 60 euros (Vigo) ou 50 euros (Meirande). A organización recorda que o número de abonos de Sinsal SON Estrella Galicia é limitado e convida ao público a non quedar sen a oportunidade de descubrir as músicas locais, nacionais e internacionais que se agochan este ano baixo o seu cartel.

Entradas por día

De cara á semana seguinte, concretamente o luns 8 de maio, a sairán á venda as entradas por día de Sinsal SON Estrella Galicia. Todas aquelas persoas interesadas nesta modalidade de entradas, que inclúen tamén o traslado á illa desde Meirande ou Vigo, poderán adquirilas a partir das 12.00 horas a través da plataforma www.enterticket.es.

Ao igual que no caso dos abonos, o prezo dos billetes variará en función da idade e do embarcadoiro no que se tome o barco, ademais do tempo de estancia na illa. Así, as entradas do venres 21 -cuxa programación se desenvolverá unicamente en horario de tarde- serán as máis económicas -50 euros desde Vigo ou 45 euros desde Meirande, sendo a entrada de menores de 15 euros nos dous casos-, mentres que as entradas do sábado 22 e do domingo 23 permitirán gozar dunha xornada completa en San Simón, desde pola mañá e até a noite.

Así, no caso dos billetes por día de Vigo, o prezo será de 65 euros no caso do sábado 22 (20 euros para menores de 16) e de 60 no do domingo 23 (18 euros para menores), mentres que as entradas o barco que se toma desde Meirande será de 60 euros o sábado (20 euros para menores) e 55 euros no caso do domingo 23 (18 euros para menores). Todos os horarios de barcos e prezos están dispoñibles en http://festival.sins.al, na que toda a información esta actualizada para consulta.

Sinsal SON Estrella Galicia

Sinsal SON Estrella Galicia é un dos encontros sonoros máis coidados e singulares do panorama musical estatal, que ofrece cada ano, a un público reducido -800 persoas por día- a posibilidade de gozar dunha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante do momento. Desde os seus inicios, a promotora Sinsalaudio impulsou un evento cultural para visualizar as artistas próximas á creación contemporánea da escena galega e estatal, mais tamén con espazo para creadoras e creadores do ámbito internacional. Todas elas, chegadas desde os cinco continentes, presentaron en San Simón as súas propostas musicais para, anos despois, ser parte de carteis de grandes festivais e de salas de concertos de todo o mundo. Este ano, Sinsal SON Estrella Galicia volverá acoller a estrea estatal de numerosas agrupacións e solistas chegadas doutros países. Artistas que, tamén como é habitual no festival, convivirán co público asistente durante a súa estancia no corazón da Rías Baixas.

Recentemente o festival foi premiado nos Iberian Festival Awards co galardón ‘Best Contribution to Equality’, que o sitúa como o evento máis relevante en España en canto á Contribución á igualdade. Este premio pon en valor a aposta de Sinsalaudio por favorecer o achegamento a todos os sons, ideas e instrumentos do mundo: ademais de nunca repetir no seu cartel creadoras e creadoras, favorece o coñecemento de novos artistas -o 90% das bandas e solistas actuaron en 2022 por vez primeira en Galicia ou España en San Simón-. Alén disto, o compromiso de Sinsal coa igualdade vén referendado polo equilibrio da súa programación: un mínimo do 50% das artistas e do staff son mulleres, a presenza de creadoras queer é contínua en cada edición e habitualmente teñen espazo todas as linguas da Península Ibérica, desde o galego até o catalán, portugués, euskera ou castelán.

 

AXENDA

Facebook

54 minutes ago

Ábrete de orellas
Eis a presentación de Alana, o adianto do disco que lanzarán en primavera. Foliada de Negreira baséase na canción co mesmo nome do repertorio de Cántigas da Terra. Urdime ... See MoreSee Less
Ver en Facebook