Sinsal SON Estrella Galicia 2024 terá lugar na illa de San Simón os días 26, 27 e 28 de xullo

Febreiro 01, 2024

nota:

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia celebrará a súa nova edición na illa de San Simón os días 26, 27 e 28 de xullo. O evento cultural do cartel secreto, que o público só descubre ao desembarcar, volverá ofrecer unha programación caracterizada pola diversidade de estilos musicais e orixes das bandas e solistas que convivirán no corazón da Ría de Vigo a última fin de semana de xullo.

Sinsal SON Estrella Galicia é un dos encontros sonoros máis coidados e singulares do panorama musical estatal. Cada ano ofrece a un público reducido -800 persoas por día- a posibilidade de gozar dunha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante do momento nun escenario excepcional: o arquipélago conformado polas illas de San Simón e Santo Antón, un espazo declarado Ben de Interese Cultural. Tanto os abonos como as entradas de día esgótanse sempre ás poucas xornadas de saír á venda.

Desde os seus inicios, Sinsal presentouse como unha iniciativa cultural para visualizar as artistas próximas á creación contemporánea da escena galega e estatal, mais tamén con espazo para creadoras e creadores do ámbito internacional. A súa programación musical acompáñase, ademais, de numerosas actividades paralelas divulgativas, á fin de dar a coñecer a historia e o patrimonio cultural e natural de San Simón; ademais de propostas vinculadas á sostibilidade ambiental e concienciación, ou da recuperación dos arquivos sonoros, que se traducen en iniciativas recollidas na nomeada Escola Sinsal.

Neste 2024, a programación de Sinsal SON Estrella Galicia desenvolverase en cinco escenarios distribuídos noutros tantos puntos do arquipélago. Máis de 20 bandas e solistas de distintos estilos musicais e orixes -tanto de Galicia coma doutras rexións de Europa, África, Asia ou América- actuarán nos palcos do festival pioneiro do cartel secreto, e que en cada edición segue a sorprender ás e aos asistentes a San Simón.

Novos recoñecementos

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia segue a sumar recoñecementos. Se o ano pasado nos Iberian Festival Awards (os premios da industria dos festivais de música de España e Portugal) acadou o galardón ‘Best Contribution to Equality’, que o sitúa como o evento máis relevante en España pola súa Contribución á igualdade; esta mesma semana recibiu a notificación de que é finalista noutras tres categorías: Mellor festival de pequeno formato, Mellor escenario e Mellor estratexia de comunicación e marketing.

Ademais, o pasado mes de xaneiro, o Observatorio de la Cultura da Fundación Contemporánea sinalou o Festival Sinsal, no seu informe ‘Lo mejor de la cultura 2023’, como a segunda iniciativa cultural mellor valorada polos profesionais do sector en Galicia; situándose como a proposta musical máis destacada do país por segundo ano consecutivo. A nivel nacional, na clasificación das iniciativas culturais mellor valoradas polo seu compromiso social e desenvolvemento sostible, sube do 15º ao 9º posto da lista, unha mención que referenda o compromiso que o Festival Sinsal mantén cos ODS e o impacto positivo, e que reforza en cada nova edición. Precisamente, o pasado outubro, o evento recolleu o Premio Fest 2023 (outorgado pola industria de festivais en España) pola Sostibilidade ambiental.

 

 

 

AXENDA