Sinsal SON Estrella Galicia 2019: 4 días de cartel secreto na décima edición en San Simón

Xullo 25, 2019

nota:

Do 25 ao 28 de xullo, diversidade e actualidade musical, actividades e sesións sonoras e o evento como laboratorio para a sostibilidade

Será o décimo ano na Illa de San Simón (Redondela) desde aquela primera experiencia dun só día en 2010 con Ariel Pink. O festival Sinsal SON Estrella Galicia, do 25 ao 28 de xullo: 4 días completos (nesta altura, están á venda as últimas entradas de xoves 25), cartel secreto (sábado e domingo repítense concertos, así que o público da xornada de clausura será o menos sorprendido), un programa de actividades vinculadas ao patrimonio natural, histórico e artístico da contorna, e a construción dun evento sostible como materia transversal que “contamina” todo o traballo do equipo do festival e cuxo éxito require a complicidade do público.

Sinsal SON Estrella Galicia (San Simón, Redondela, Rías Baixas) é unha iniciativa de Sinsalaudio. Un festival de música, localizado nunha illa á que só se chega en barco, con cartel secreto, diurno e con aforo reducido (800 personas por día). Moitas singularidades, desde o transporte até o coñecemento das bandas que se van ver. Foi premiado como Mellor Festival de Pequeno Formato nos Premios Fest 2015 e nos Iberian Festival Awards 2019.

Un festival de música

Sinsal SON Estrella Galicia é, ante todo, un festival de música. Dezasete bandas e artistas durante catro días nos escenarios principais, con procedencias xeográficas e sonoras que percorren boa parte do planeta e que compoñen o cartel secreto do festival. Sinsal SON Estrella Galicia non é un festival indie, nin de músicas do mundo, nin de jazz. A fórmula artística do festival soa lóxica: ofrecer concertos para todos os gustos. En 2019, 5 concertos xoves 25 e venres 26; 7, sábado 27 e domingo 28, xornadas nas que se repite o cartel.

→ Un cartel diverso en estilos, con protagonismo de proxectos liderados por mulleres, bandas emerxentes e nomes que non tocaron aínda en directo na península.
→ Sinsal SON Estrella Galicia ofrece aos artistas unha nova vivencia ao redor do directo: non revelalo até o día do concerto, chegar ao recinto en barco, aloxarse e comer na illa, o contacto directo co público.

→ Unha produción musical que pode converter a illa nun estudio de gravacións en vellos cilindros de cera, no destino dun piano de cola que cruza a ensenada de San Simón ou nun miradoiro onde atopármonos, en acústico.

→ Nos últimos anos pasaron pola illa Alt-J, Maika Makovski, Dan Deacon, Owen Pallet, Camila Moreno, Nakhane, Anna Meredith, Of Montreal, Malándromeda, El Guincho, Fantastic Negrito, María Arnal & Marcel Bagés, Bonnie Prince Billy, La Dame Blance ou Cosmo Sheldrake, entre outros artistas.

Actividades, Aleksander Kolkowski, Sesións San Simón

As actividades no Festival Sinsal SON Estrella Galicia están pensadas para todas as idades, se ben xoves 25 e domingo 28 intensifícase o programa familiar con laboratorios fotográficos, obradoiro de origami, acción con espellos no Paseo dos Buxos da Illa de San Simón e a proposta de arquitectura para a rapazada de Sistema Lupo. Xa cunha orientación cara o público adulto a programación inclúe as catas de viño e conservas organizadas por Galicia.wine en colaboración coa Real Conservera Española de Cambados e Adegas Ponte da Boga, de Castro Caldelas (Ourense). Esta é unha das actividades que ten prezo aparte da entrada do festival: os asistentes terán que abonar 7 euros se queren participar desta cata de produtos de terra e mar.

Tamén para un público adulto, as Andainas Sinsal SON Estrella Galicia, iniciadas o pasado ano e que permiten a xuntanza en grupos de vinte e cinco persoas para coñecer mellor a illa e a súa historia. Conducidas polo codirector do festival Julio Gómez e a paisaxista e artista Iria Vázquez, todos os días do festival o público terá a oportunidade de afondar no coñecemento e significado deste espazo, de maneira gratuíta e con inscrición previa.

Entre a programación que ofrece Sinsal SON Estrella Galicia máis alá dos tres escenarios principais, atoparemos as sesións de gravación de Aleksander Kolkowski, que xa en 2018 fixo rexistro sonoro en cilindros de cera de poetas e artistas que pasaron pola illa. En 2019 máis rexistros, abertos ao público no Miradoiro da illa. Aleksander Kolkowski é un compositor, violinista e investigador que utiliza a gravación de son histórico e aparatos de reprodución e medios obsoletos para facer música mecanoacústica contemporánea.

A Illa

A Illa de San Simón (en realidade, un pequeno arquipélago formado por dúas illas, San Simón e San Antón, que dan nome a dous escenarios principais), está localizado en Redondela (Rías Baixas) e é unha xoia patrimonial desde o punto de vista medioambiental e histórico, no corazón da Ría de Vigo. Un formato pequeno e respectuoso, o de Sinsal SON Estrella Galicia que, nos últimos anos, esgota todas as entradas e obriga máis que nunca a incidir de maneira positiva na contorna da Illa de San Simón (Redondela). O público de Sinsal SON Estrella Galicia, con presenza crecente de fóra de Galicia, valora de maneira extraordinaria o espazo, e o festival serve de porta de entrada á historia e patrimonio de San Simón e a súa contorna. A illa foi inspiración na lírica medieval, lazareto no século dezanove e campo de concentración na guerra do 36.

Sostibilidade, compromisos e realidades

A Estratexia de Sostibilidade de Sinsal SON Estrella Galicia está orientada a conseguir un evento próximo, participativo, social, horizontal, aberto, educativo, respectuoso coas persoas, respectuoso co medio ambiente, que vele pola conservación e promoción do patrimonio natural e pola conservación e promoción do patrimonio cultural. A sostibilidade é un motor de cambio nos ámbitos, social, medioambiental e económico; a Illa de San Simón, coa súa historia, patrimonio e beleza, pon a proba o compromiso da organización.

→ O festival desenvolveu seis liñas de traballo nestes tres ámbitos: #sinsalporigual #sinsalediverso #sinsalecircular #sinsalelocal #sinsalsenplásticos #sinsalsenmalosfumes
→ Protagonismo de mulleres no staff e cartel artístico, oferta gastronómica diversa con produto ecolóxico e local, segunda oportunidade para materiais como lonas e reutilización de pratos e vasos, recollida de residuos electrónicos nos portos do festival ou propostas de transporte compartido, son algunhas das accións impulsadas.
→ O obxectivo a curto prazo: que público, colaboradores e provedores se impliquen na estratexia do festival, como parte que son do mismo.
→ SON Estrella Galicia, a marca de música da cervexeira galega por excelencia, e New Balance, con centro de distribución peninsular en Redondela, son os nosos aliados privados máis importantes. Xunta de Galicia a través da marca Fest Galicia, Deputación de Pontevedra e Concello de Redondela, os institucionais.

Facebook

6 days ago

Ábrete de orellas
SORTEO !Este xoves 31 Arnaldo Antunes volve a Galiza co pianista Vitor Araujo. Se queres optar a unha das dúas entradas dobres que sorteamos entre X e aquí no facebook orelludo, dálle un "gústame" a esta publicación e compártea EN ABERTO para que podamos velo. O mércores pola noite anunciamos gañadoras.Nordesía Produccións ... See MoreSee Less
Ver en Facebook