Sinsal Primavera celebrarase en abril e maio e contará coa participación de Deafkids, Kristin Hersh e Julius Gabriel

Marzo 04, 2024

nota:

Regresa o Sinsal Catro Estacións. Desta quenda, de novo, na primavera. Sinsal Primavera, o evento especializado en música de vangarda, cuxo comisariado recae na promotora viguesa Sinsalaudio -responsable do festival Sinsal SON Estrella Galicia-, terá lugar nos meses de abril e maio. A cita contará cunha tríade de iniciativas musicais fiadas pola diversidade estilística e da orixe das artistas. Deafkids, Kristin Hersh e Julius Gabriel conformarán o cartel do Sinsal Primavera 2024, un preámbulo do que o público poderá escoitar, no mes de xullo, na illa de San Simón, mais sen ter que coller o barco. As entradas dos concertos están desde hoxe á venda a través de www.enterticket.es.
Os días 5 e 19 de abril, e 9 de maioa cidade olívica acollerá unha nova edición do Sinsal Primavera. O evento, que conta coa colaboración principal do Concello de Vigo, pretende visualizar propostas singulares e únicas, de difícil clasificación e, por tanto, pouco habituais no circuíto de programación dirixida ao público xeral. Como parte do compromiso de Sinsalaudio coa promoción da igualdade, e co fomento da diversidade estilística -clave na súa aposta en San Simón- o público do Sinsal Primavera 2024 poderá gozar dun cartel conformado, nesta ocasión, por bandas e solistas procedentes de Brasil, Estados Unidos e Alemania e que actuarán por vez primeira en Galicia.

Sinsal Primavera 2024 desenvolverase nun dos espazos de referencia do universo da investigación, creación, innovación e produción contemporánea no ámbito local, comarcal e galego, o Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO). Ademais, por segundo ano consecutivo, o evento estenderase a unha das salas de concertos máis relevantes da cidade, a Radar. O seu escenario acollerá, o 5 de abril, o primeiro dos directos, que chegará da man de Deafkids, banda brasileira cuxa sonoridade transita entre o rock industrial, a psicodelia, o noise, o hardcore ou mesmo a música africana, entre outros moitos. Para Deakfids, todos os xéneros son benvidos para avanzar coa “desprogramación sónica” da mente.

A seguinte cita será o venres 19 de abril no MARCO. Unha das figuras máis salientables da escena alternativa estadounidense desde os anos oitenta chegará a Vigo para presentar o seu último álbum, Clear Pond Road. A cantante e prolífica compositora Kristin Hersh actuará en acústico no museo, dando conta da súa voz única e do seu talento, xa coñecido desde o seu paso por bandas como Throwing Muses ou 50FootWave.

O concerto que pechará a tríade de directos virá da man do berlinés Julius Gabriel, saxofonista que explora os límites e as complexidades deste instrumento. A súa base musical -labrada en escolas de música públicas, clubes underground e universidades- está fondamente arraigada na improvisación, para a que parte dun amplo espectro ecléctico de xéneros musicais. A actuación no MARCO do xoves 9 de maio será a súa estrea en Galicia.

De cara á favorecer o coñecemento e a expansión da creación contemporánea, Sinsalaudio colaborará tanto co Conservatorio Superior coma co Conservatorio Profesional de Vigo, facilitando que o alumnado dos centros educativos poida asistir aos concertos do Sinsal Primavera cun desconto do 50%.

entradas

5 de abril, 21.30 horas na Sala Radar | Deafkids (Brasil)

19 de abril, 20.30 horas no MARCO | Kristin Hersh (Estados Unidos)
9 de maio, 20.30 horas no MARCO | Julius Gabriel (Alemania)

AXENDA

Facebook