Silvia Penide “El efecto boomerang”

Agosto 09, 2019

Tras as alegrías e o percorrido do seu anterior “Todo pintado de plata”, a Penide regresa do estudio con seis novas cancións que reafirman a súa madurez coma autora. Falar a estas alturas da súa personalidade e a súa voz peculiar sería repetirse, e máis cando o que dela agardamos son máis cancións que sumen no seu repertorio. E as expectativas xa se van cumprindo desde que escoitamos “El salto”, un clásico emocionante seu desde xa. E confírmanse cando chega a que titula un mini-álbum que pasa o protagonismo que no anterior tiña a electrónica aos instrumentos “orgánicos”, coma ese banjo que toca o produtor do disco, David San José. Hai veces que é imprescindíbel mencionar o traballo de produción e esta é unha delas, porque o disco soa elegante e preciso no tratamento das achegas de instrumentistas como Manu Clavijo, Fer Lamas ou Borja Montenegro.

Como apaixonada das letras, Silvia acompaña as das “Canciones de ida” no libriño de catro “Textos de vuelta”. E nesa arte de procurar as verbas máis idóneas para describir emocións e situacións persoais, sinala unha intención para cada canción. Así, “Las flores de plástico” é unha “canción para quitarle importancia” e “Descredo” unha “canción para no conformarse” cantada a dúo cun Javier Álvarez que semella encaixar sempre que o chaman. “Habrá que empezar otra vez” talvez quede algo eclipsada polas notabeis compañeiras de álbum. Como esa “canción para levantarse” cantada a dúo cunha artista das que rebordan emoción: Ugia Pedreira. Xuntas entregan unha desas xoias en forma de canción sinxela á que volves cada certo tempo polo moito que transmiten dicindo cousas en apariencia simples. E cómpre louvar aquí os teclados sutís de Juan de Dios Martín e a guitarra precisa de Pepe Carmona.

“El efecto boomerang” volve presentarnos unha artista das que levan “La canción como bandera, la canción como fusil, la canción como quimera, la canción como bandeja”. Así fala a primeira estrofa do texto “Canción para una canción”, toda unha declaración de principios para entender máis esta compositora. Deseguido, “Medallas de oro” menciona Violeta, Chavela, Mercedes, Lhasa, Joan, Cecilia, Mari Trini, Edith … Silvia Penide ten sempre presentes as referentes e xa un traballo natural por asimilalas e facelas partícipes dela mesma. E de cando en vez, a inspiración e a intuición xúntanse e dan froitos bos. Neste caso con alto contido terapéutico extraído de reflexións sobre despedidas, ausencias … pero con positivismo, non nos asustemos.

Pepe Cunha, 9-agosto-2019

AXENDA

Facebook

8 hours ago

Ábrete de orellas
Isto si é un premio, recibir traballos na redacción orelluda. Chegou o novo de O SONORO MAXÍN , que o vindeiro domingo están na A Arca da Noe con TIAM GzAi, ese ritmo e esas letras do Ico desde Ourense."A primavera ten que ser nosa", di que si. ... See MoreSee Less
Ver en Facebook