Silvia Penide

Marzo 04, 2016

Dicir personal cando se trata de canción de autor soa case a tópico, pero é que a voz e os versos da Penide semellan feitos para quen se deixen levar e entren no seu mundo. Agás excepcións, non son as súas cancións desas que soan familiares ou atrapen por un retrouso inmediato. Sen facer ruído, afianzada na calma e en aprehender o detalle, a de Meicende ten acadado un lugar de seu, sen présas por agradar, pero que máis tarde ou máis cedo acaban por ser recoñecidas. Parécenme ben acaídos uns versos neste disco: “Como si te reconociese / o me resultases muy familiar, / como si te escuchase en algún eco / o llevase tiempo oyendo hablar de ti.”

Á súa discografía de tres álbumes entre 2002 e 2007 co desaparecido selo Falcatruada (“Kilometros”, “Invisible” e “Desafinante crónica”) e dous xa ao marxe de calquera atisbo de convencionalismo do mercado (o miniLP “Las erres dobles” en 2010 e “Animal de compañía” no 2014), segue a mimar cada novo traballo e este non ía ser menos. Cun labor de pre-produción cun colega como Félix Arias e o traballo en 2 estudios (The Magical Mystery Room de Celso Madriñán e os Abrigueiro de Arturo Vaquero), a Penide ofrece unha canción de tres-catro minutos adicada a cada planeta e apóiase nunha maior presenza de sonoridades electrónicas.

Porén, malia as instrumentacións novas non hai risco de que deixe de soar a Silvia Penide e talvez esas atmosferas sonoras contribrúan a facer deste o seu traballo máis sólido. Así o apreciarán non só @s micromecenas que confiaron e apoiaron este disco e os concertos, senón quen lle fagamos un oco no noso reprodutor e un espazo de intimidade. Coa excepcións dos retrousos de “¿Qué había dentro?” ou “Que ya no protege”,”Todo pintado de plata” é un disco que, para ben e para mal, adolece de cancións desas redondas que non necesitan do apoio do conxunto enteiro para convencer. Pero aí entra a receptividade cara un traballo con ar conceptual e a complicidade cunha artista con selo propio, que non e pouco,

En canto á parte visual, un envase físico moi ben acaído para a áspera dozura das cancións da de Meicende: Almayer – Diseño Creativo asina un traballo que tamén ten apariencia sinxela á par que intensa.

Pepe Cunha, 29-febreiro-2016

AXENDA

Facebook

Bar Lanzós, Betanzos.