nota:
A banda barcelonesa Sidonie chega Santiago de Compostela para ofrecer ás 21 horas un concerto en formato acústico no Teatro Principal, dentro do Ciclo Íntimo & Acústico, que reúne a coñecidos solistas e grupos nacionais en espazos que permiten un contacto máis próximo co artista. Sidonie, un dos grupos máis importantes da escena indie española que fan do rock psicodélico a súa bandeira.
Será unha ocasión ideal para achegarse a esta banda dun xeito diferente, xa que é un concertos máis íntimo, en formato acústico, no que se centrarán no seu último disco, “El fluido García”. É unha das últimas oportunidades para gozar deste repertorio, dado que están pechando esta xira para centrarse na gravación do seu próximo disco. Despois dunha ampla tournée por salas e festivais, Sidonie desafíase coa presentación dun formato acústico dunha xira por teatros, concertos que os achegarán máis aínda ao seu público e que nos ofrecerán unha nova cara desta banda que ten aínda moito que ofrecer.
Antes de comezar a gravación de “El Fluido García”, Marc, Jesús e Axel, máis coñecidos como Sidonie, eran conscientes de que o seu próximo disco ía ser cantado en castelán, que tiña que soar máis testosterónico e contundente que nunca, que tiña que gravarse en rigoroso directo, para exaltar a conexión que existe entre o trío cando tocan xuntos, e que reivindicaría a psicodelia inglesa do período 1966-68, a estética de Carnaby Street do Swinging London, as melodías e harmonías vocais construídas sobre escenarios de arte vangardista e o feito de que eles sempre fixeron o que sentiron.
“Custounos moito pero estamos satisfeitos. Un 70% das ideas que tiñamos están no álbum”, di Marc Ros, autor da maioría dos temas. “Non buscamos, atopamos. Facemos o máximo que podemos, que non é sempre o que queremos. Saiu “El Bosque” e todas as demais xurdiron ao redor. Este é un disco de xénero e fixemos unha aposta moi forte nos arranxos”.
As entradas teñen un prezo de 14 euros anticipada e 17 euros na billeteira para cita en Compostela, á venda online en entradas.novagaliciabanco.es, A Reixa Tenda e en Kunsthalle.