Sharon Jones & The Dap Kings, de manual no Auditorio do Mar de Vigo, 22-novembro-2014

Novembro 26, 2014

Antes de que saíse a protagonista principal, o público amosábase desexoso, disposto a se entregar. Dos catro concertos en España, a data viguesa en sábado era propicia e o Auditorio do Mar de Vigo, estenso de mais para a interacción que se podía crear, rexistrou un cheo case total. Cumpría constatar se as loubanzas a esta vocalista e a súa banda eran esaxeradas. Pouco tardamos, pois a banda numerosa de músicos e as dúas voces de coro comezaron traballar a atmosfera propicia a base de instrumental e cancións interpretadas polas Dapettes (magnífica “Hot Shot). Dez minutos de sorrisos perennes nas vocalistas, elegancia na posta en escea dos Dap-Kings e unha execución impecable. Aquilo xa pagaba moito a pena e faltaba por aparecer Sharon Jones, presentada “comme il faut” por un dos guitarristas.

Non tardamos en caer rendidos e só podiamos preguntarnos se sería quen de manter o listón que puxo altísimo coa tremenda “Retreat!”. E vaia se o fixo! Non só foi cuestión dunha voz impecable e versátil, senón de interacción co público e movemento constante, con intres case vertixinosos a metade do show para repasar diferentes pasos de baile. Falar de espectáculo aquí non é referirse a encher á actuación detalles aló do meramente musical por pose, cubrir carencias de minutaxe ou repertorio. En absoluto. En máis de hora e media vivimos unha actuación de manual onde se complementan a posta en escea e un repaso de diferentes estilos do que entendemos por música negra. Se as gravacións desta formación son tratados impecables de Northern e Southern soul, funk, baladas, soul-pop …, ao vivo acadan ese plus de se enfrontar ao vivo coa audiencia.

O seu último álbum, “Give the People What They Want” (que título tan ben acaído para o que vivimos!) foi repasado case enteiro, pero non faltaron paradas notables en discos anteriores (e falo de memoria) coma “If You Call”, “He Said I Can”, “Keep On Looking”, “Better Things”, “She Ain”t a Child No More”, “100 Days, 100 Nights” … Agasallos como a versión de “Every Beat of my Heart”, o bis ardente de “Stranger to My Happiness”, a imitación de Tina Turner, os bailes coas rapazas que subiron ao escenario … pero sobre todo a lección de versatilidade en voz e música e a presencia quedarán na nosa memoria auditiva e visual. Poñéndonos exquisitos, poderiamos apuntar momentos mellorables de voces baixas ou volumen descompensado, subir xente ás táboas de máis … pero foron os menos e seguramente dependendo de gustos e ubicación. Nun auditorio extenso de máis cuxas cadeiras apenas usamos uns minutos, a impresión xeneralizada foi de concerto memorable.

O agardable momento de referencia ao seu cancro de páncreas na estensión dunha das cancións podería quedar en anecdótica, pero non foi así. Constituiu un dos momentos da noite por unha emotividade nada lacrimóxena, polo seu canto á vitalidade, a paixón e a entrega de cada noite perante o público que se achega a vela. Toda unha lección a ter en conta día a día a cargo dunha artista coma moi poucas e cuns 58 anos envexables. Lección dela pola súa actitude e a da banda pola súa calidade. Quedou claro que na actualidade son probablemente a grande banda retro do soul.

Pepe Cunha, 26-novembro-2014