Desde que publicou o seu disco debut “Admirando a condición”, María Xosé Silvar “Sés” de seguro está a acumular moitas experiencias ou momentos intensos. En dous anos, non deixou de aumentar o seu público, tocou en case todos os recunchos do país, acompañou a Budiño nunha xira sudamericana ou representou o noso país no festival da lusofonía Cantos na Maré. Porén, o recoñecemento no Teatro Principal de Santiago de Compostela xa merece ser cualificado como a súa gran noite, todo un golpe na mesa para dicir que ela está aquí e transmitindo forza como poucas.
A presentación do chamado disco de confirmación incluíase no ciclo Cantigas de Mulleres, Sons13 e cumpría facelo por todo o alto. Non só contaba coa súa actual e notable banda de acompañamento -Marcos Pazo na batería, Fran Sanz no baixo e o seu habitual acompañante á guitarra Tito Calviño-, senón coa maioría dos músicos que puxeron o seu chisquiño musical na gravacións: Nani García, Pedro Lamas, Alfonso Merino, Roberto Látigo, “as 3 Lucías” e Sergio Delgado. Coñecendo o carácter falangueiro da protagonista e esa entrada e saída de colaboradores poderiamos pensar nunha velada con altibaixos no ritmo, pero as dúas horas pasaron dun xeito fluído.
O concerto en global deunos un bo repaso a Sés, esa muller na que é case imposible separar as facetas artística e persoal, a que combina unhas letras nas que pon especial adicación e laboriosidade cuns comentarios máis arroutados, bravos ou de pé de rúa, “na terra” que diría ela. Malia a responsabilidade da velada, Sés non semellaba nerviosa e tiña a mesma facilidade de sempre para conectar co público que gosta desas verbas sobre a súa condición de roqueira en galego, as raíces que defendermos, o feminismo, o amor pola xente achegada e as relacións … Quen xa a vimos varias veces, constatamos que estivo especialmente simpática, sen pecar de comedida nin de excesiva.
No musical, cantou ben, con forza e coa solidez e contundencia que transmite a nova banda, coas cancións novas dun disco que semella máis roqueiro, cru e directo, arredado da limpeza da gravación do seu debut. Deste xeito máis básico recreou “Se te vas”, “Rolling Stone”, “Mª on the bus” ou “Admirando a condición” acompañando a “Co xenio destrozado”, Porco blues”. Porén, e como acostuma na súa condición de melómana da canción popular ou tradicional, non faltaron eses rimos latinoamericanos da “Milonga de aquí”, “Boto en falta unha ilusión”, “Unha mañá de setembro” ou “Concordias de papel”, que foron case tan ben recibidas como as xa imprescindibles “Tempestades de sal” ou “Canto aquí, canto na Habana”, peza que repetiu con todos os músicos invitados e o público en pé. Para quen escrebe, momentos como “Unha mañá de setembro ou “Rebelarse á conciencia” foron do mellor da noite.
Por se había dúbidas, Sés amosou que é a roqueira, e falamos de actitude, do país, con cancións de seu e ese compoñente polémico que levanta paixóns e receos. Cae no predecible ou facilmente recoñecible no musical, pero as súas composicións chegan ao pobo. As facianas do público ao saír do Principal e a venda de discos son os mellores testemuños.
Pepe Cunha, 10-maio-2013