sés “opoñerse á extinción”

Xaneiro 13, 2017

A resposta de público confirma que unha artista coma Sés era necesaria no noso panorama musical cativo. Hai unha oferta e unha calidade que non ten a presenza que merece nos medios e ela conseguiu visibilidade con formación, adicación e sen renunciar (ou grazas a) a dicir o que pensa en entrevistas, no escenario e onde que aquí nos concerne: as cancións. Neste momento álxido chega a o seu 4º disco, tras “Admirando a condición” (2011), “Co xenio destrozado” (“13) e “Tronzar os valos” (“15). Os sinais de identidade deses traballos seguen aquí presentes, non hai novidades. Na parte de letrista e cantareira reafirma un compromiso que vai alén de amosar unha presenza e dicir o que ve e sente. Para ela cómpre facelo con honestidade, riqueza de léxico e cantando ben, moedas pouco frecuentes. Ademais, seguimos a “ver” pola súa voz se ten un sorriso tenro, irónico, o puño en alto con rabia …

Nun disco moito máis continuísta que novidoso, volve pecar nalgunhas ocasións de densidade ou peso excesivo dos textos, en especial na primeira impresión, claro; pero así é ela como persoa e artista a un tempo. A concreción, insinuación ou dosificación (que non significan calar) poden entrar ou non na súa mente para futuras composicións pero Sés ten moito que dicir e volve entregar frases lúcidas, salientabeis ou auténticos dardos, ademais desa vertente máis intimista ou sentimental que non merece quedar eclipsada. Tamén no musical seguen as súas coordenadas coñecidas: ritmos da canción popular americana, de norte a sul, e da terra propia. Se as letras atopan cadansúas vestimentas axeitadas, aínda que sexan moi “de libro”, pensará que por qué facer experimentos só por sorprender?

“Que vos presten estes doce temas, que vos acompañen e vos divirtan”, di Sés nun texto que amosa a súa precupación máis que xustificada polo idioma e, por extensión, a nosa identidade. Porén, a atención sobre as cancións non está rifada con ofrecer unha presentación física algo máis ambiciosa, pois a edición de “Opoñerse á extinción” resulta austera nuns tempos que o produto físico está devaluado. Xa que logo, o valor céntrase en apreciar as cancións segundo gusto e esixencia das diferentes audiencias e aquí servidor decántase pola country “Dúas lúas” (prestan a harmónica de “Figul” e a letra), a rancheira adicada a Moncho Reboiras “Semente de vencer”, os meritorios e fermosos exercicios do “Romance de Bela Rosa” e “Con tambores de mar”, “Polo teu corazón”…

Pepe Cunha, 13-decembro-2017

AXENDA