sés “co xenio destrozado”

Xullo 12, 2013

“Admirando a condición” foi un dos debuts discográficos máis celebrados no país. Presentounos unha compositora e intérprete que viña ocupar con personalidade forte un lugar baleiro na música popular galega. Se xa contabamos con artistas máis fieis aos nosos ritmos, dos que María Xosé Silvar “Sés” tamén bebeu, ela exprésase máis sobre ritmos americanos, do norte (rock, blues …) e latinos (milonga, rancheira, son …). Nun ano e medio, e acompañada do seu fiel guitarrista Tito Calviño, deu unha cantidade notable de concertos en pequeno formato, algo alonxados do son de big-band desas primeiras gravacións, un chisco maquillado ou sobrecargado. Moi probablemente, a comodidade con ese carácter directo, espido, inmediato, fixo que neste segundo álbum decidise gravar e dar os concertos apoiada nun cuarteto básico de pop-rock. Nese momento reclutou os solventes Franz Sanz no baixo e Marcos Pazo na batería.

A primeira escoita xa amosa notable coidado e empeño na parte lírica e unha aposta polo básico no musical. Aquí constátanse dúas vertentes ben diferenciadas e con similar peso no álbum, con media ducia de títulos cada unha. Simplificando e citando posibles referentes femininos, unha produción en clave blues e rock (Etta James, Janis Joplin, Wanda Jackson …) e outra máis latina (Mercedes Sosa, Chavela Vargas, Lila Downs …). No lírico, diversas mostras da personalidade da compositora: rebelde (“Co xenio destrozado”), namorada (“Unha mañá de setembro”), melancólica (“Boto en falta una ilusión”), vitalista ( “Milonga de aquí”), inqueda e inconformista (“Unha sombra de min” e “Algo que me anime”) ou filla entregada (“Se non podo ir a onde ti estás”).

Máis próxima aos seus directos, a nova produción de Sés non engana; é conscientemente máis visceral, apaixonada, descarnada, sensible, sen medias tintas á hora de cantar e de instrumentar as pezas baixo a premisa do “menos é máis”. As personalidades fortes (“son rebelde e falo mal”) adoitan xerar defensoras ou detractoras, e máis cando a proposta reflicte tanto o carácter da artista. Quen deixe prexuízos á marxe atopará aquí composicións tan sobresaíntes como “Concordias de papel” e “Rebelarse á conciencia” (estupendos o piano de Sergio Delgado e os violíns e viola de Alfonso Merino!), textos moi elaborados (ás veces abafantes), algúns versos de letras tradicionais, unha banda sólida, colaboracións notables (Nani García ao piano en “Non se me ocorre” ou as frautas de Pedro Lamas en “Unha mañá de setembro”) e a recuperación daquela ”Canto aquí, canto na Habana” que facía con Chámalle Xis! e onde recita un texto de Castelao sobre a tradición. Futuras entregas poderían arriscar máis no musical sen prexudicar o realmente importante neste caso: as cancións.

Edita Do Dol. www.folmusica.com

Pepe Cunha, 12-xullo-2013

AXENDA