sés “admirando a condición”

Outubro 31, 2011

Xa tardaba a escena pop-rock galega en contar cunha figura feminina, compositora e intérprete, como a de María Xosé Silvar. Só por iso o seu debut chamaría a atención do público ávido de cancións en galego. Porén, unha vez escoitado este álbum, sería unha imperdoable inxustiza quedarmos cun feito máis ou menos anecdótico. Tras vencer no Apologhit 2010 con “Tola tras de ti”, a ex-vocalista de Chámalle Xis! presenta esa e 10 cancións máis que rebordan personalidade, forza, carisma e un notable eclecticismo musical: rhthym and blues, swing, soul, ritmos populares latinoamericanos ou mesmo country. Esta moza formada academicamente en filoloxía e antropoloxía non queda na teoría, senón que amosa nas súas cancións un total apego aos sentimentos máis comúns e universais, da man dunha abafante paixón pola música e a vida. Os seus textos e a súa interpretación completan pezas tan notables como “Se te vas” (“Cando o obxecto da presenza é a anulación o diaño chama aos lúcidos á rebelión”) , “Non son fada” ( “non crer sen ver, dubidar, confiar só nos sentidos”) ou “Rolling Stone”(“Sabe ser feliz en tempos duros e nos brandos mellor que ninguén”) , mais unha mención especial merece todo un himno da loita feminina e humana: “Tempestades de sal” (“resistindo a violencia dos cans que nos queren calar”) , que ben aceptaría defender Amparo Sánchez (Amparanoia) , por citar unha artista coa que lle vemos certas similitudes. Se o ingrediente principal ten tanto valor, á altura tiña que estar a produción musical, onde David Paz coloca cando cómpre ventos diversos, percusións ou piano cun resultado talvez un chisco limpo de máis. Para completaren un disco que debe estimular a nosa necesitada música galega, da gravación encargouse Marcos Martínez e a aposta na produción veu de Airapro. Desde xa, podemos falar de Sés coma unha artista nova pero referencial que, ademais, semella ter potencial para seguir crecendo.
Pepe Cunha 31/10/2011

AXENDA

Facebook