Sés

Outubro 27, 2012

5 € / 2,5 € (soci@s)
Sés é o proxecto musical da cantautora coruñesa María Xosé Silvar: ritmos americanos repensados en galego e en feminino, letras escritas a conciencia e unha actitude enérxica e independente enriba e debaixo do escenario. Formada na música e no baile tradicional, María Xosé Silvar é profesora e licenciada en Filoloxía Galega e Antropoloxía Social. En 2007 crea xunto a tres amigos Chámalle Xis!, un dos grupos revelación daquel ano e un dos gañadores do concurso A Coruña Son, apadriñado por Santiago Auserón.Despois de máis de 30 concertos por toda Galiza con Chámalle Xis! e logo de colaborar con grupos como Zënzar ou Xabier Díaz, en 2010 María Xosé Silvar ficha pola produtora carralesa Airapro que fai de Sés un dos seus proxectos insignia e coa que publica en 2011 Admirando a condición, o primeiro disco de Sés (o nome caseiro de María Xosé Silvar), un proxecto 100% en galego e 100% en feminino. Na formación completa, Sés é unha banda de dez músicos de corte americano. Sés tamén actúa nun formato acústico, no que María Xosé Silvar está acompañada do guitarrista Tito José Calviño. Unha proposta cércana e enérxica coa que levan ofrecido preto de 50 concertos por bares e locais de toda Galiza. Admirando a condición é o primeiro disco de Sés, coa propia María Xosé Silvar, autora de todos os temas, supervisando os arranxos musicais. O disco contén dez temas gravados con toda a banda, encabezados polo single Rolling Stone, cos metais, os coros e a impoñente voz de Sés que conseguen un son dacabalo entre os ritmos americanos e a música latina. Desde as pezas máis “blueseiras”, mesmo cun toque soul, como Tola atrás de ti ou De catro a catro, ate ritmos sudamericanos, como os de Se cadra e Pepa, e das letras máis comprometidas como a de Tempestades de sal a cancións desenfadadas como María on-the-bus. Admirando a condición péchase cun undécimo corte extra, titulado Fala de mel, e gravado co formato acústico co que Silvar adoita actuar, acompañada do guitarrista Tito José Calviño, en bares e locais de toda Galiza.

Facebook

23:30 h.
Bar Liceum, O Porriño.
2,5 / 5 €