Sés

Novembro 15, 2013

nota:
Co xenio destrozado é o novo álbum de Sés, artista revelación da escena galega.
Se algo podemos destacar de Sés é o seu enorme carisma e forza persoal, xa de sobra amosada en centos de concertos e actuacións ao longo de toda Galiza, percorrendo diferentes escenarios, vila tras vila e cidade tras cidade. Aos poucos, e grazas á transmisión boca-orella, a súa intensa personalidade e honestidade á hora de manifestarse, foi conquistando ao público cun caudal de enerxía que chama pola unión e o cuestionamento do establecido.
Co xenio destrozado é un traballo feito con orgullo identitario, frescura e vitalidade, que pretende concentrar nunha presa de cancións viscerais e paixonais a potencia do directo. Temas de cantautora vestidos de blues, rock e sons do continente hispanoamericano.
Gravado na Coruña, e producido pola propia Sés, neste traballo conta cos seus músicos habituais nos directos: Tito Calviño (guitarra), Marcos Pazo (batería) e Fran Sanz (baixo).
Formada na música e no baile tradicional, Sés é profesora e licenciada en Filoloxía Galega e Antropoloxía Social. En 2007 crea xunto a tres amigos a banda Chámalle Xis!, un dos grupos revelación daquel ano e un dos gañadores do concurso A Coruña Son, apadriñado por Santiago Auserón.
Logo de colaborar con grupos coma Zënzar ou Xabier Díaz, publica no 2011 Admirando a condición, o primeiro disco de Sés (o nome «caseiro» de María Xosé Silvar), un proxecto 100% en galego e 100% en feminino.

www.rtve.es/alacarta/videos/videoclips/ses-xenio-destrozado/1820430/

AXENDA

23:30 h.
Bar Liceum, Porriño.
4 / 8 €