Sés

Maio 23, 2013

nota:
SÉS ofrecerá un concerto acústico en Lugo o vindeiro 23 de Maio na Casa do Saber de Lugo, dentro do Ciclo Lubicán 2013 organizado pola USC, no que interpretará un repertorio no que avanzará as cancións do seu agardado novo disco que sairá á venda o vindeiro 11 de Xuño

“CO XENIO DESTROZADO” O NOVO ALBUM DE SÉS PUBLÍCASE O 11/06/2013

Se algo podemos destacar de SÉS é o seu enorme carisma e forza persoal, xa de sobra amosada en centos de concertos e actuacións ao longo de toda Galiza, percorrendo diferentes escenarios, pobo tras pobo e cidade tras cidade. Aos poucos e grazas á transmisión boca-orella, a súa intensa personalidade e honestidade á hora de manifestarse, foi conquistando o público cun caudal de enerxía que chama pola unión e o cuestionamento do establecido.

Co xenio destrozado é un traballo feito con orgullo identitario, frescura e vitalidade, que pretende concentrar nunha presa de cancións viscerais e paixonais a potencia do directo. Temas de cantautora vestidos de blues, rock e sons do continente hispanoamericano.

Gravado nos estudios BRUAR, da Coruña, e producido por MARÍA XOSÉ SILVAR, a propia SÉS, neste traballo conta cos seus músicos habituais nos directos: Tito Calviño (guitarra), Marcos Pazo (batería) e Fran Sanz (baixo).

Formada na música e no baile tradicional, Sés é profesora e licenciada en Filoloxía Galega e Antropoloxía Social. En 2007 crea xunto a tres amigos a banda Chámalle Xis!, un dos grupos revelación daquel ano e un dos gañadores do concurso A Coruña Son, apadriñado por Santiago Auserón.

Logo de colaborar con grupos coma Zënzar ou Xabier Díaz, publica no 2011
‘Admirando a condición’, o primeiro disco de Sés (o nome «caseiro» de María Xosé Silvar), un proxecto 100% en galego e 100% en feminino.

AXENDA