nota:
Presentación de “CO XENIO DESTROZADO”, o novo traballo de SÉS.
O vindeiro 7 de Xuño no Teatro Principal de Santiago de Compostela, dentro do ciclo Cantigas de Mulleres, Sons13.
Se algo podemos destacar de SÉS é o seu enorme carisma e forza persoal, xa de sobra amosada en centos de concertos e actuacións ao longo de toda Galiza, percorrendo diferentes escenarios, pobo tras pobo e cidade tras cidade. Aos poucos e grazas á transmisión boca-orella, a súa intensa personalidade e honestidade á hora de manifestarse, foi conquistando o público cun caudal de enerxía que chama pola unión e o cuestionamento do establecido.
Co xenio destrozado é un traballo feito con orgullo identitario, frescura e vitalidade, que pretende concentrar nunha presa de cancións viscerais e paixonais a potencia do directo. Temas de cantautora vestidos de blues, rock e sons do continente hispanoamericano.
Gravado nos estudios BRUAR, da Coruña, e producido por MARÍA XOSÉ SILVAR, a propia SÉS, e Xavier Ferreiro. Neste traballo conta cos seus músicos habituais nos directos: Tito Calviño (guitarra), Marcos Pazo (batería) e Fran Sanz (baixo).