A música tamén é un elemento moi importante na celebración do Día das Letras, e este ano hai que subliñar o concerto “Vitaminas para o galego”, o mércores 16 a partires das 21.00 horas no Pazo da Cultura. Trátase dun pequeno festival que pretende darlle enerxía ao uso e prestixio da lingua galega. A entrada é libre e gratuíta e o acto tamén serve de marco para entregar o VIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo, que este ano recaeu en Carlos Callón por “Fai o teu galego” e que tamén supuxo un accésit para Alba Cid. A cita será presentada pola actriz, escritora e contacontos, Xograresa de Outono, Paula Carballeira; e contará coa actuación en acústico de Sés, un grupo galego que está formado pola cantante carballesa María Xosé Silvar e polo guitarrista Tito Calviño. Por último, “Vitaminas para o galego” inclúe tamén a lectura dun pequeno manifesto que se le á vez en todo o país galego e tamén noutras partes do mundo, como Bos Aires ou Belxica.