Sérgio Tannus Trio e amig@s

Setembro 09, 2013

A Casa das Crechas comeza a temporada musical cunha festa brasilega mañá luns, comandada polo músico Sérgio Tannus e amigos/as. É gratuíta e estades todos convidados/as a asistir. Sérgio presentará a súa nova web, celebrará o seu aniversario e tocará e cantará temas do seu último disco.

O multiinstrumentista brasileiro estará acompañado por Paulo Silva (voz e percusións) e Gutier Álvarez (zanfona e violino).

Sérgio Tannus vén de publicar o disco “Son brasilego”, unha auténtica “ponte musical” entre os países lusófonos, especialmente Galiza e Brasil. Segundo Tannus, “Son brasilego” “aposta polo intercambio, polo estreitamento do contacto cultural e persoal, pola fusión de ideas, polos ritmos e raíces comúns”, di. Alén da música, proponnos reflexionar sobre a nosa identidade e irmandade, especialmente sobre o futuro desta a través da música e da sonoridade atlántica que nos torna brasilegos. Pero, sobre todo, é un “agasallo, un agradecemento a todos aqueles músicos e persoas que fixeron posible o crecemento musical e artístico” de Sérgio Tannus desta beira do Atlántico.

Tannus leva desde 2006 vivindo en Galiza e desenvolvendo a súa faceta multiinstrumental no noso país. Colaborador co tecido cultural galego desde a súa chegada, soubo ver e valorar as e os artistas cos que se atopou durante todos estes anos, e cos que quixo establecer unha relación musical enriquecedora para ambas as dúas partes. Precisamente, é grazas a esa mesta rede musical e ao pulo que a súa mestría deu a moitas formacións e solistas galegos/as que nace este proxecto discográfico, “para que quede constancia delas e isto non sexa máis que un comezo”, indica o propio Sérgio Tannus.

AXENDA

22:00 h.
Casa das Crechas, Santiago de Compostela.
De balde.