Sérgio Tannus “Son Brasilego”

Xaneiro 28, 2013

Poderiamos completar liñas e liñas falando das colaboracións, instrumentación e mesmo os lugares de gravación deste “Son brasilego”. Sería facer xustiza para coas amizades e compañeir@s de viaxe que o noso protagonista leva feito nos máis de 6 anos morando en Compostela. Desde o seu trío con Serginho Sales e Paulo Silva, o público galego afeccionado á música tivo abondas oportunidades de coñecelo por formar parte da banda do Cantos na Maré, CoraSóns, as jam session da Borriquita de Belem, discos e concertos con Uxía, Magín Blanco, Xoán Curiel ou Najla Shami … Non obstante, resultaría tedioso e inxusto porque distraería a nosa atención do que finalmente importa: as cancións. A cotío a mestura de estilos e colaboracións enlea as cancións, pero este brasilego atina en lle dar a cada canción unha identidade propia, cante quen cante, toque quen toque, pero sen deixar de brillaren. Estamos ante un rebordante exercicio de variedade musical ben aproveitado.

Se as cancións ou álbumes, como acontece coas outras manifestacións artísticas, poden expresar momentos ou reflexións vitais, este álbum responde á figura artística e vital dun multiinstrumentista brasileiro desenvolvendo e compartindo a súa faceta artística en Galiza. Concretamente, aquí temos Compostela coma epicentro, coma punto de encontro da escea artística galega, vocal e instrumental. Ademais, gozamos do exquisito condimento do intercambio cultural con outras latitudes do galego-portugués. aquí representadas por Ceumar, Luanda Cozetti, Carlos do Carmo, Aline Frazao, Joao Afonso e António Zambujo (impecable en “Beethoven Tinha Razao”) … Como imaxinaredes a estas alturas, o álbum levou consigo un minucioso traballo de composición (só tres versións), escolla e coordinación.

“Son brasilego” é unha fervenza de diversidade musical ben canalizada en cancións que expresan o intercambio cultural e persoal (fermosa “Setembro” con Xabier Díaz, Pedro Pascual, Guillerme Fernández e Uxía), os ritmos diversos e as raíces comúns (dúo con Ugia Pedreira na potente “Outros Quereres”, “Magnético Zen” con Xoán Curiel), un xeito optimista e doce de enfrontar a vida (“Eu tô Alegre” cantada a dúo con Luanda Cozetti , “Água Quentinha” por Ceumar e “Momentos” con Emilio Rúa), o amor e o agarimo (“Quem disse” con Aline Frazao, Joao Afonso e Sonia Lebedynski en “100 %”, Uxía e Carlos do Carmo en “Choro Alegre”) e aquí e alá innumerables momentos instrumentais ben acaídos. Coma fin de festa, a letra que titula o álbum: “eu xa collín o xeitiño galego que junto co brasileiro fez minha forma de ser”.

Amálgama de estilos, factura impecable, vitalidade e un feixe xeneroso de cancións que xustifican un disco “orelludo”, onde conviven harmonicamente ritmos e instrumentos de Brasil e Galiza.

Pepe Cunha, 28-xaneiro-2013

AXENDA

Facebook