ciclo Selección Noroeste
nota:
Cinderella Cyborg é o novo álbum de Júlio Resende, compositor e pianista portugués coñecido entre outros moitos aspectos por ser o director musical e compositor das músicas do cantante Salvador Sobral.
Resende aposta nesta obra conceptual polo lado autoral, como compositor de cancións e como pensador de melodías. Diríamos tamén que como aglutinador de disciplinas. As melodías que conforman o disco son absolutamente belas o mesmo que adictivas. É este un disco valente que atopa a alquimia desexada. Fainos claudicar polos sucos da beleza. Namóranos a alma ata que caemos rendidos ante unha aposta soberana -e lúcida- pola transfusión de xéneros.
Talentoso compositor, enorme improvisador e técnicamente impecable, Júlio Resende actuou en infinidade de países tanto na súa proposta de FADO PIANO como coa súa formación jazzística. USA, Japón, Alemaña, Francia, México, Luxemburgo, Croacia, Noruega ou Serbia entre outros moitos lugares da xeografía mundial ademais do seu Portugal natal onde actúa nos coliseos e festivais máis importantes, caso de Gulbenkiam, CCCB ou Casa da Música.
Tanto cando improvisa o fado como cando compón pezas de jazz ou ben cando versiona clásicos pop de The Beatles ou de Radiohead, sempre nos atopamos ante un músico dunha altura sensacional e dun cromatismo extraordinario.
Júlio Resende é unha figura capital da música contemporánea portuguesa que goza dun presente soberbio, pero cuxo futuro vai deparar aínda maiores cotas de recoñecemento porque a súa expresividade é un valor de moitos quilates e o seu discurso de FADO PIANO é único no mundo.