Como acontece con cada personalidade homenaxeada nas Letras Galegas, proliferan os traballos ao redor da súa figura. E neste ano aínda máis ao se tratar dunha representación colectiva, unha dedicación á poesía popular oral, ás cantareiras e pandeireteiras que mantiveron a nosa lingua. Iso si, cumpría personificala e así ollamos cara a Adolfina e Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira Santos e catro das Vellas de Mens: Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda.
Ademais, neste libro lémbrase o traballo marabilloso de Dorothé Shubarth, que viaxou pola Galiza para coñecer e documentar en gravacións as voces destas mulleres. Ela exerce de fío condutor nun álbum que, de saída, pode estar orientada a un público infantil, mais que resulta gozoso para calquera idade, grazas ás ilustracións preciosas de Lucía Cobo (con máis de 15 libros no seu currículo) e os textos precisos de Eva Mejuto, toda unha experta no sector editorial infantil e no libro ilustrado. Ademais desas historias de Schubarth, a autora achega tres artigos sucintos -“Daquelas que cantan (e tocan e bailan)”, “Daquelas que recollen os cantos” e “Daquelas que seguen a cantar” – e unha selección musical á que chegamos via QR.
Un deses agasallos que prestan en calquera fogar, como o cantar e tocar das pandeireteiras.
Pepe Cunha, 15-maio-2025


